O sábado entregaranse os premios da Olimpíada Informática Galega

venres, 29 de abril do 2022 Marcus Fernández

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará este sábado o acto de entrega de premios da Olimpíada Informática Galega organizada coas tres universidades públicas galegas en colaboración co CITIC e celebrada o pasado 11 de marzo, na que resultaron gañadores Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei (Lugo), e estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz, e, no segundo posto, Paula Taibo Suárez, de Culleredo, estudante de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe do mesmo municipio coruñés. Óscar Carballo tamén conseguiu a medalla de bronce na Olimpíada Informática Española celebrada a primeiros de mes en Madrid, mentres que Paula Taibo recibiu un diploma de mención como finalista do certame.
O evento de entrega de premios celebrarase ás 11:00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura de Galicia e contará coa asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, os reitores da UDC e a USC e o presidente do CPEIG, así como dos participantes acompañados polas súas familias e directores e profesores dos seus centros de ensino.

PUBLICIDADE