O satélite LUME-1 da UVigo supera con éxito un ano de probas no espazo para loitar contra os lumes

venres, 10 de xaneiro do 2020 Redacción

O 27 de decembro de 2018 a Universidade de Vigo lanzaba ao espazo o satélite LUME-1, a finalidade era probar a súa eficacia na loita contra os lumes forestais, ao abeiro do proxecto FIRE-RS. Logo de algo máis dun ano no espazo, o cuarto satélite desenvolvido pola UVigo supera xa as 5.700 órbitas á Terra, sen detectar ningún problema no seu funcionamento.
Os responsábeis da operación LUME-1 son José Miguel Lago e Alberto González, actualmente en Alén Space, amais de Fernando Aguado, docente, investigador e responsábel da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, quen sinalou que “o satélite supuxo un paso moi importante no desenvolvemento do sistema electrónico que se incorporou. O sistema de comunicacións TOTEM é un totalmente novo e incorpora toda a experiencia das misións anteriores, pero está baseado no paradigma denominado SDR (Software Defined Radio), ou radio definida por software, que permite actualizar completamente o sistema de comunicacións abordo durante a misión”. Asemade, Aguado salientou que grazas á cooperación acadada coa comunidade de radioafeccionados, xurdía tres meses despois do lanzamento do LUME-1 unha aplicación nova, que se puido probar con éxito no satélite. Así, o sistema de comunicacións TOTEM é un dos elementos que a UVigo transferiu á spin-off Alén Space para a súa comercialización. “Así mesmo, cómpre destacar como outro dos aspectos fundamentais deste proxecto a formación de profesionais e moitos investigadores, que participaron na misión e en anteriores e que actualmente forman parte de Alén e que creo que é un aspecto moi importante que hai que sinalar como un éxito da UVigo”, sinala Aguado.
Despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz desde a base rusa de Vostochny en Siberia e a súa posterior posta en órbita, os dous primeiros meses de operacións de LUME-1 (até finais de xuño de 2019) estiveron centrados na posta en marcha do satélite, fase denominada LEOP (Launch and Early Operations), continuando coa fase de Comissioning, que abrangue a comprobación de que tanto a plataforma, como a carga útil de comunicacións, funcionaban correctamente de acordo ao deseñado en terra. As ditas probas programadas dentro de FIRE-RS incluíron dúas demostracións en Vigo e Porto, a primeira centrouse en validar a comunicación entre os sensores de terra e o centro de control a través da retransmisión da información a través do satélite. Na segunda, en Porto, púidose comprobar como unha vez detectado o lume forestal xerábanse plans automáticos de voo dos drons que permitían validar nun lume sintético a fronte, segundo informacións de Aguado.
A partir dese intre o proceso segue adiante con tarefas de seguimento rutinario do satélite, algunhas probas cun servizo de radioafeccionados (digipeater), desenvolvendo probas pasivas de recepción de comunicacións en banda L e de monitorización do espectro para caracterizar as interferencias na banda de radioafeccionados de UHF.
Ollando cara adiante, o devir do FIRE-RS non é moi prometedor, en verbas de Aguado: “desgraciadamente, aínda que pasamos o primeiro corte, non nos concederon o proxecto no programa SUDOE na solicitude de prórroga, que estaba centrada en desenvolver un vehículo autónomo terrestre que dése soporte ás forzas de loita contra os incendios”. “En calquera caso, a electrónica empregada foi voada noutras misións, que en moitos casos duraron dous ou tres anos, ou mesmo máis, polo que é posíbel que poidamos ter LUME-1 operativo durante bastantes meses máis”, explica o responsábel da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo.
Facendo un resumo: trece anos e catro satélites despois de comezar a súa andaina, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo fai un balance “moi positivo e tremendamente intenso”, subliñando o apoio e participación do profesorado da EE de Telecomunicación, integrado no centro atlanTTic, da ES de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría Industrial. “Un balance que inclúe desenvolver con éxito catro satélites na Universidade, a formación de 80 enxeñeiras e enxeñeiros, que están a traballar como recoñecidos profesionais no mundo e apoiar a creación da spin-off Alén Space, é algo que sinceramente, non nolo creríamos cando comezamos hai trece anos”, reflexiona Fernando Aguado.
Arestora, a Agrupación Aeroespacial ten entre mans o proxecto WipTherm, que cunha duración de tres anos, desenvolverá un sistema de alimentación sen fíos a través dun láser pulsado, para misións de cubesats de espazo profundo. “Así mesmo, tamén queremos apoiar novas iniciativas formativas e educativas para o alumando da Universidade, para que se formen novos estudantes e investigadores e así contribuír ao desenvolvemento do sector espacial galego, nacional e internacional”, engade Fernando Aguado.

PUBLICIDADE