O sector TIC galego felicita a Senén Barro polo premio Galego do Ano 2024

mércores, 27 de novembro do 2024 S. P.

O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnologías Inteligentes (CiTIUS) e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro, vén de ser distinguido co premio Galego do Ano 2024 na categoría de Ciencia e Investigación, que outorga El Correo Gallego con carácter anual. Este galardón, que recollerá este xoves 28 nunha gala que terá lugar na Cidade da Cultura, recoñece o seu liderado no eido da investigación e transferencia de coñecemento en intelixencia artificial desde o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Entre as entidades que xa felicitaron ao director do CiTIUS por este importante recoñecemento atópase o Clúster TIC Galicia, que, a través do seu presidente, Antonio Rodríguez del Corral, sinalou que "Senén Barro é un precursor da aplicación da Intelixencia Artificial a diferentes eidos antes da irrupción desta tecnoloxía na sociedade. Este premio é un recoñecemento á súa aposta pola IA cando aínda non estaba no foco mediático, pero tamén un aliciente para que as novas xeracións aposten polo sector TIC como motor de transformación social".
Divulgación científica
Senén Barro comezou a súa carreira académica coa defensa dunha tese doutoral no ano 1988 na que creou o primeiro sistema de monitoraxe de pacientes en UCI que empregaba IA. O ex-reitor da USC (2002-2010) e doutor en Física é ademais un gran impulsor da divulgación científica na sociedade para achegar a actividade investigadora ao alumnado, promovendo así a atracción de talento.
O CiTIUS dá a coñecer o seu traballo a través de diferentes eventos, como por exemplo na iniciativa Ciencia Singular, cuxa nova edición celebrouse o 23 de novembro, con visitas ás instalacións do centro, charlas, obradoiros e experimentos. Ademais, o catedrático organizou a prestixiosa European Conference on Artificial Intelligence (ECAI) do 19 ao 24 de outubro en Santiago de Compostela no seu 50 aniversario, logrando posicionar Galicia como capital mundial da IA.
Senén Barro é un dos cinco galardoados como Galegos do Ano 2024 xunto ao chef Javier Olleros, na categoría de Economía e Emprendemento; a médica e triatleta Susana Rodríguez, en Cultura e Deportes; a poeta Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024, en Artes e Comunicación, e a farmacéutica e investigadora María Jesús Lamas, directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, na categoría de Política e Sociedade.
Estes premios outórganse desde hai 32 anos dende El Correo Gallego “a quen destaca no desempeño dos seus labores profesionais e contribúen a proxectar o empuxe de Galicia dentro e fóra da comunidade autónoma”, segundo apuntan dende o xornal.