O sector TIC galego rexistra o maior volume de negocio desde 2011

martes, 12 de decembro do 2017 Redacción

O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.437, fronte ás 2.331 do ano anterior, o que representa un crecemento do 4,5% segundo datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2017, que tamén indica que o sector TIC galego deu emprego a 16.098 traballadores en 2016, o que supón un incremento do 2,6% no último ano.
O crecemento no volume de empresas TIC prodúcese, especialmente, nas empresas máis pequenas, o que pon de manifesto á tendencia ao emprendemento neste sector. Así, o 83,6% das empresas TIC galegas ten un máximo de dous empregados, 89 empresas máis que o ano anterior neste segmento empresarial.
O volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.522 millóns de euros no ano 2016, cun aumento do 2,8% con respecto ao ano 2015, e a cifra máis alta rexistrada desde 2011. En relación ao peso do sector na economía galega, o estudo do OSIMGA indica que o valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego en 2014 superou os 1.015 millóns de euros, o 1,8% do PIB total de Galicia.
Por outra banda, a porcentaxe de empresas do sector TIC galego que realizaron actividades de I+D+i durante os últimos 3 anos incrementouse en 4,1 puntos respecto ao dato do ano anterior, pasando dun 25,9% a un 31%. Entre as empresas TIC que realizaron actividades I+D+i, un 72,2% obtivo resultados comercializables. Cabe salientar que que o 18,4% das empresas TIC galegas colaboraron con outras empresas para realizar actividades de innovación.
O estudo pon de manifesto as dificultades que as empresas TIC galegas experimentan á hora de contratar profesionais TIC cos coñecementos e experiencia de interese para a súa organización. Máis da metade das empresas TIC (51%) sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa.
Novamente increméntase a velocidade de conexión a Internet que teñen contratadas as empresas TIC galegas, de xeito que máis da metade (51%) posúe xa velocidades superiores a 100 Mbps fronte ao 38,3% no ano 2016.
Séguese a reafirmar o uso de servizos de tecnoloxías Cloud, acadando o 43,9% e aumentando respecto ao ano 2016 en 1,7 puntos. O crecemento total no período 2013-2017 foi de 10,9 puntos porcentuais. O software entendido como Servizo (SaaS), tales como Google Apps Bussiness, Office 365, SalesForce.com, Dropbox, etc é o que máis empregan as empresas TIC galegas.
Outra tendencia que se extrae do estudo do OSIMGA é o desenvolvemento de software para plataformas móbiles: Un 28,9% das empresas TIC ofreceron desenvolvementos específicos de software para plataformas móbiles. Entre estas empresas TIC aumenta a cifra de negocio xerada por estes desenvolvementos, acadando o 22,8% do volume de negocio total destas empresas, 3,7 puntos máis que no ano anterior.
A presenza en redes sociais segue a incrementarse nas empresas TIC galegas, situándose no 40,1%, cun incremento de 9,5 puntos porcentuais no período 2013-2017.

PUBLICIDADE