O sector espacial reunirase en Vigo na 3ª edición de New Space España
xoves, 30 de maio do 2024
Xa vai collendo corpo a terceira edición de New Space España, punto de encontro do ecosistema espacial do ámbito español. Os días 26 e 27 de setembro de 2024 reuniranse na Sede Afundación de Vigo as principais empresas, organismos e novas firmas innovadoras do chamado New Space co obxectivo de explorar os proxectos, capacidades e oportunidades da industria estatal.
Segundo a organización, New Space España 2024 pretende “servir como plataforma para o intercambio de coñecementos, a colaboración empresarial, a exploración de novas oportunidades de negocio en áreas como a observación da Terra, as comunicacións satelitais, a exploración espacial e a utilización sostíbel do espazo”. Tamén se porá o foco en proxectos innovadores concretos como a Constelación Atlántica ou LEO-PNT, impulsados pola Axencia Espacial Europea (ESA).
Organizado por Alén Space, empresa galega especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, o evento está apoiado por destacados patrocinadores, como GMV, Indra, DHV Technologies, Geosat, Startical, Satlantis, Telespazio, Ansys, Rohde & Schwarz e UARX Space, ademais do apoio de institucións públicas ligadas ao fomento da innovación e o talento, como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo.
En materia de formatos, o congreso contará con conferencias a cargo de destacados expertos do sector, paneis de discusión sobre temas clave, presentacións de proxectos innovadores e sesións de traballo en rede deseñadas para crear colaboración entre empresas, institucións e emprendedores.
Segundo explica a organización contextualizando a importancia do evento, “o ámbito do sector New Space, que aborda o desenvolvemento de tecnoloxías e servizos espaciais innovadores, está a experimentar un crecemento sen precedentes a nivel mundial impulsado polo protagonismo dos pequenos satélites, os servizos asociados a proxectos ambiciosos como as novas constelacións satelitais e a redución de custos e prazos de tempo.... Este novo enfoque ampliou as oportunidades para empresas e países que anteriormente percibían este ámbito como inalcanzábel”. Neste contexto, engaden, “España atópase nunha posición privilexiada para consolidarse como referente na industria espacial, tendo en conta o talento humano existente, as capacidades tecnolóxicas, o desenvolvemento de novas solucións, unha localización xeográfica clave e a recente posta en marcha da Axencia Espacial Española (AEE), que axunta e coordina o potencial deste sector”.
A venda de entradas xa está dispoñíbel na páxina web oficial www.newspaceespana.com.