O sector galego dos áridos avanza en dixitalización grazas aos obradoiros que ARIGAL clausurou este xoves
xoves, 22 de maio do 2025
A Asociación Galega de Áridos (ARIGAL) clausurou este xoves 22 de maio, na Escola Galega de Administración Pública (Santiago), os primeiros Obradoiros de Dixitalización e Innovación no Sector dos Áridos, nos que participaron empresas de toda Galicia e que contaron co apoio institucional do IGAPE e da Subdirección Xeral de Recursos Minerais. Foron, en palabras de ARIGAL, “un éxito de participación e repercusión”.
Durante as distintas sesións desenvolvidas desde novembro, tratáronse temas punteiros como a aplicación da Intelixencia Artificial na optimización das voladuras, o uso de xemelgos dixitais no procesamento de materiais, a seguridade dos datos empresariais e a planificación baseada en tecnoloxías de localización por satélite GPS.
A iniciativa, pioneira no sector no ámbito estatal, contou coa intervención de expertos recoñecidos en aprendizaxe máquina (Machine Learning) automatización industrial, modelado de explotacións e seguridade cibernética.
“Estes obradoiros pretenden marcar un punto de inflexión para o sector, reforzando a competitividade das empresas galegas e impulsando unha transición cara á sustentabilidade e á industria 4.0”, suliñou Alberto Novoa Rodríguez, presidente de ARIGAL, engadindo que con estsa actividades a Asociación Galega de Áridos reafirmou o seu compromiso co futuro da industria extractiva en Galicia e reiterando a vontade de poñerse a disposición de empresas e administracións para seguir liderando a modernización dun sector estratéxico para o desenvolvemento territorial.
Lembrou tamén que o sector dos áridos conta con 73 explotacións en Galicia que, en 2024, produciron 9,36 millóns de toneladas e xeraron 843 postos de emprego directos e 3.794 indirectos. Ademais, a facturación do ano pasado foi de 51,02 millóns de euros.
Isabel Viñas, co fundadora de Impulsa Dixital, presentou o informe de conclusións sobre os obradoiros que se levaron a cabo desde novembro. En total, leváronse a cabo seis obradoiros: Introdución á transformación dixital no sector dos áridos, Tecnoloxías GPS e introdución a Xemelgos Dixitais, Drons e GPS no sector dos áridos, Intelixencia Artificial no sector dos áridos, Tecnoloxías en equipos mineiros e A importancia da ciberseguridade e o control de datos.
ARIGAL ostentará a presidencia da Federación de Áridos (patronal nacional do sector) que organizará entre o 22 e o 24 de outubro o VII Congreso Nacional en Córdoba.