O sector galego dos videoxogos contará cun polo de aceleración
martes, 29 de marzo do 2022
A Xunta de Galicia abre até o vindeiro 12 de abril o prazo
de solicitude para a selección
da entidade colaboradora que se encargará da xestión e organización do novo
polo de aceleración do sector dos videoxogos, que bota a andar cunha
dotación de 360.000 euros. A publicación desta convocatoria no Diario Oficial
de Galicia supón, ademais, a posta en marcha da primeira das medidas que a
Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina especificamente á
industria galega dos videoxogos dentro do seu Hub Audiovisual da Industria
Cultural e para as que se reserva preto dun millón de euros.
A entidade seleccionada asinará un convenio de colaboración
coa Axencia Galega das Industrias Culturais para actuar como aceleradora dun
grupo de entre 10 e 20 empresas e profesionais emprendedores, que será
seleccionado a través dunha convocatoria pública da Xunta. A súa participación
neste programa estará encamiñada a axilizar a saída ao mercado dos seus
produtos, así como á súa consolidación.
Para conseguilo, o polo desenvolverá unha etapa de
aceleración intensiva con consultarías individuais, grupais e accións de
mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou
financiamento, entre outros. Tamén está prevista a organización de diferentes
xornadas de innovación, dun evento final de presentación de proxectos e dun
programa para a xestión da mobilidade internacional, así como unha consultaría
de seguimento.
Poderán optar a ser entidades colaboradoras entidades
asociativas con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, que conten con
experiencia no ámbito dos videoxogos e, en concreto, na organización de
actividades de difusión deste sector en Galicia.
Fondo de axudas ao desenvolvemento
A industria galega dos videoxogos é por vez primeira obxecto
dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e
desenvolvemento grazas á posta en marcha do Hub Audiovisual da Industria
Cultural. Xunto co devandito polo de aceleración, neste primeiro semestre do
ano convocarase un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con
500.000€. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras
de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como
a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a
capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre
outros aspectos.
Como medida complementaria para favorecer unha maior
estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en
Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de
xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co
sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha
perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se
manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a
este sector no marco Hub Audiovisual da Xunta, un programa extraordinario a
través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros
ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo
Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.