O sector tecnolóxico inunda de bromas a Rede co gallo do Primeiro de Abril

mércores, 1 de abril do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é unha data moi especial na Internet, xa que o Primeiro de Abril é o equivalente en numerosos territorios do Día dos Santos Inocentes, o que nótase especialmente en páxinas web do ámbito tecnolóxico, onde é tradición realizar bromas inventando produtos e servizos ridículos, destacando cada ano Google, que aínda que nunha ocasión meteu a zoca por presentar Gmail o 1 de abril (considerado un dos meirandes erros de comunicación da compañía), consegue sorprender coas súas ideas tolas e orixinais, como estrear o dominio com.google ofrecendo unha versión do seu buscador no que a imaxe aparece en espello¸ anunciar Smartbox (unha caixa de correo postal tan tecnolóxica como innecesaria) ou incluso permitindo xogar ao Comecocos nas rúas que esteamos a visualizar en Google Maps (tanto na súa versión web como a través das aplicacións para iOS e Android).


small>Divertido vídeo no que podemos ver a presentación do Smartbox de Google


As tendas en liña tamén presentaron produtos ridículos, como unha consola de videoxogos a vapor en Thinkgeek ou roupa interior smart para autorizar pagamentos mediante un movemento pélvico e unha sonda rectal para poder disparar selfies internos co noso smartphone en Firebox.com.

No mundo da telefonía móbil tamén puidemos ver como SamsungTomorrow daba conta do lanzamento do Samsung Galaxy BLADE Edge: Chef’s Edition, que sería un híbrido entre smartphone e coitelo de cociña; o operador T-Mobile anunciou a incorporación das mascotas aos plans familiares de telefonía móbil; Vodafone en Australia presentou un teléfono que integraría un teclado con emoticonas; Motorola presentou un fermoso pau para selfies; e incluso Microsoft quixo participar de todo este fenómeno anunciando que os seus teléfonos Lumia contarían cun novo sistema operativo: MS-DOS Mobile (de feito, chegou a publicar unha aplicación para Windows Phone que imitaría tal sistema operativo e que incluso integraría ao asistente Cortana).


Vídeo no que podemos ver o fermoso (e literal) pau para selfies de Motorola

Microsoft anunciou hoxe unha versión móbil do vello MS-DOS



Tampouco quedou curta a proposta de Sony, que presentou PlayStation Flow, unha nova gama de produtos que farían uso de PlayStation Wearable Entertainment Technology (P-WET), de xeito que permitirían somerxerse literalmente na experiencia de xogo, xa que estes accesorios sería lentes e sensores para empregar na piscina, onde podería gozarse de xogos subacuáticos entre os que non faltarían as fases baixo a auga de The Last of Us Remastered. Todo un concepto revolucionario que podemos ver como unha burla do fenómeno que están a provocar os dispositivos wearables.


Vídeo de presentación de PlayStation Flow

PUBLICIDADE