O sector turístico galego e estatal beneficiaranse de dúas aplicacións libres deseñadas polo IETG

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Redacción

O complexo hoteleiro Punta Couso, no concello de Ribeira

AMTEGA e o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, IETG, anunciaron estes días a vindeira dispoñibilidade de dúas ferramentas abertas especialmente deseñadas para mellorar o día a día, a nivel de manexo de datos e desenvolvemento, das empresas hostaleiras (principalmente galegas, aínda que non será exclusiva para elas, xa que a vontade é a de garantir, como software libre que é, a súa total dispoñibilidade). As dúas aplicacións, creadas polo IETG, céntranse (a primeira) na xestión dos establecementos e, a segunda, na captura e explotación de datos de índole turística en tempo real. O ceibamento destas ferramentas no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, informa AMTEGA, posibilitará a posta en marcha “dunha comunidade de desenvolvemento e de usuarios ao redor delas, na que distintas empresas ou entidades poidan colaborar no seu mantemento e evolución, revertendo en beneficio de todos e permitindo xerar negocio”.
Cómpre lembrar que durante os meses de xullo a setembro de 2012 o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia presentou ao sector hostaleiro galego en diversos encontros coas asociacións das principais cidades galegas a aplicación de xestión de establecementos hostaleiros, unha ferramenta pioneira no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos”, sinalouse daquela, tal e como informamos dende Código Cero.
Este recurso, recordaremos, permite aos pequenos establecementos xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos; obter informes de xestión e planificacións semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza. Segundo informou o Instituto, a aplicación “está a ter unha importante acollida nos establecementos aos que vai dirixida xa que cobre perfectamente as súas necesidades e non lles supón ningún custo de adquisición”.
Aplicación de captura e explotación de datos de índole turística en tempo real
Polo que respecta ao segundo dos recursos achegados, dicir que dende o pasado mes de agosto están a pórse en funcionamento nas Oficina de Turismo da Xunta de Galicia un total de 7 paneis táctiles que, grazas a unha aplicación informática especialmente deseñada para este traballo polo IETG, permitirán a explotación de datos de índole turística en tempo real. A través deste panel, as persoas que acudan ás oficinas turísticas, poderán, ademais de consultar información turística de cada destino, realizar unha enquisa turística que permitirá obter datos dos perfil do viaxeiro na Comunidade: estancia (aloxamento), motivo da visita, duración, medio de transporte utilizado ou aspectos de valoración.
Este sistema de enquisas, que segundo informan AMTEGA e o IETG é pioneiro en Galicia, require simplemente que a oficina conte con acceso a Internet dende o punto de información turística. Unha vez recollidos os datos, o sistema inclúeos directamente nunha base de datos conectada ó servidor central do IET Galicia, responsable de procesalos. Esta fonte de información facilitará aos responsables da Administración Turística unha toma de decisións máis axustada á realidade do mercado turístico.