O segundo certame Youtubeir@s amplía categorías e premios, 5.500 euros en total

xoves, 30 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Se YouTube é un praza onde se xuntan millóns de persoas, calquera iniciativa que queira reivindicar de verdade o galego terá que pasar por forza por ese espazo de confluencia. Sobre todo se tempos en conta que non se trata dunha praza calquera: trátase do segundo buscador máis grande do mundo e o terceiro sitio máis visitado despois de Google e Facebook, cunha taxa de crecemento de 10 vídeos por segundo. Este 30 de novembro presentouse en Santiago a segunda edición dunha iniciativa que é como montar un estrado na dita praza e subir ben o volume para que se nos escoite. E facendo fincapé nas novas xeracións, que son as que lle inxectan a maior cantidade de combustíbel a YouTube. Estamos a falar da segunda convocatoria de Youtubeir@s, cuxo obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua.
Segundo se lembrou na presentación, celebrada na Facultade Ciencias da Comunicación, o proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na presentación participaron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago, María do Carme Silva Domínguez e os responsábeis dos servizos de Normalización Lingüística dos restantes concellos implicados.
No acto, que tivo como distintivo máis visíbel unhas lentes vermellas nas facianas dos participantes (lentes que tamén apareceron no vídeo promocional proxectado e que serán un sinal ou marca youtubeira para fortalecer as ligazóns entre os vídeos a concurso e facilitar a súa identificación, a “marca” galega de seu), Fernández Valencia achegou unha serie de detalles importantes sobre a edición do ano pasado e a presente. Segundo dixo, este ano hai máis premios e máis contías a repartir (5.500 euros) en relación á convocatoria previa, e tamén máis entidades implicadas (por exemplo a Deputación da Coruña). Respecto da edición 2017, dixo que saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Fernández Valencia tamén lembrou que o certame xa está a piques de comezar, e que a partir deste 1 de decembro poderemos presentar xa as nosas achegas audiovisuais de reivindicación do galego.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, fixo fincapé no potencial de promoción cultural da Internet: “Nas redes podemos refrescar a lingua, unha lingua que por desgraza aínda fica afastada de moitos ámbitos de uso”. A intención de Youtubeir@s, dixo, é conectar coa mocidade, xa que a mocidade está nas redes, e a mocidade é quen posúe verdadeiramente o poder para facer preservar a lingua que lle foi herdada. Tamén recordou que entre as novidades desta convocatoria atópase a de dar máis voz ás persoas maiores para que contribúan elas tamén ao obxectivo de reivindicar a lingua ao mesmo tempo que se impulsa a creatividade e a innovación.

Premios Youtubeir@s

Nos Premios Youtubeir@s poderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. Segundo se fixo saber, as pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que, como dixemos, incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, será tamén unha das grandes novidades deste ano. A través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.

PUBLICIDADE