O selo galego Ouvirmos afianza a súa presenza nas redes sociais

martes, 13 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

O selo discográfico Ouvirmos, especializado en documentación musical galega, segue adiante co seu labor de afianzamento nas novas canles dixitais, hoxe especialmente salientables para a promoción artística en calquera das súas manifestacións. O selo, que recentemente recibiu o Premio á mellor iniciativa editorial do ano (outorgado pola Asociación Galega de Editores en recoñecemento aos froitos acadados pola colección Fotobiografías Sonoras de Ouvirmos), atópase arestora mergullado na procura de novos xeitos de achegarse ao público galego, sendo a súa presenza nas redes sociais de meirande uso un dos principais instrumentos de contacto. Por unha banda, a discográfica consolidou o seu caderno en Facebook, páxina oficial que achega información en primicia dos proxectos nos que está a traballar Ouvirmos, datos exclusivos sobre as súas publicacións e os eventos a organizar e fotos e cancións en descarga.
Amais, fornécese á comunidade internauta da posibilidade de visualizar os produtos da casa antes de saian ao mercado, de acompañala virtualmente ás feiras internacionais ou mesmo de interactuar co equipo responsable de Ouvirmos dunha maneira máis directa. Asemade, o selo galego mantén activo o seu espazo en Twitter (canle que lle serve para dar conta inmediata das súas novidades) e a páxina web da editorial tamén pode visitarse dende o iPad.

PUBLICIDADE