O servizo Chave 365 flexibilízase durante o estado de alarma

martes, 7 de abril do 2020 Redacción

Para facilitar a xestión en liña dos cidadáns a Xunta vén de ampliar o período de validez do servizo Chave 365 a aqueles usuarios aos que lles expire durante o estado de alarma e polo tempo que dure o mesmo. Ademais, a Administración autonómica exime aos usuarios da obrigatoriedade de modificar anualmente a clave de acceso. As persoas ás que lles corresponda realizar este cambio durante a vixencia do estado de alarma poderán seguir utilizando o sistema mentres se manteña esta situación.
Como complemento ao anterior vén de establecerse un mecanismo non presencial para rexenerar as claves do Chave 365 a aqueles usuarios aos que se lles bloqueen durante o estado de alarma. O cidadán só terá que conectar co teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, que o remitirá ao equipo de soporte correspondente que realizará unha videochamada para comprobar a identidade do usuario e proceder rexenerar as claves do seu Chave 365.

Canles en liña

A sede electrónica e as oficinas virtuais da Xunta son, nese momento, as portas de entrada á Administración na Rede para a xestión en liña. A súa dispoñibilidade é fundamental para garantir a relación telemática dos cidadáns coa Administración e a xestión daqueles trámites abertos nese momento, como a presentación de ERTES ou a solicitude de axudas como as de comedores escolares. O uso da sede electrónica acadou nestes días incrementos no seu uso superiores ao 61%.

PUBLICIDADE