O servizo de eAdministración da Deputación de Pontevedra permitiu nos concellos a tramitación de 200.000 expedientes

venres, 16 de febreiro do 2018 Redacción

Onte a Deputación de Pontevedra fixo un repaso polos servizos tecnolóxicos ao servizo cos concellos que está a poñer en marcha co inicio do novo ano. As iniciativas, entre as que se atopa o proxecto de Administración Electrónica (que propiciou xa a tramitación dixital de 200.000 expedientes a nivel local), foron debulladas pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, xunto ao deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios. Na cita participaron alcaldesas e alcaldes e persoal técnico das administracións locais de Pontevedra. Entre as/os presentes atópase a rexedora de Moaña e os alcaldes de Barro, A Cañiza, Cuntis, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Mondariz, As Neves, Poio, Pontecesures, Portas e Soutomaior; así como representantes do Goberno e persoal técnico de todos os concellos da provincia.
Carmela Silva comezou a súa intervención recordando que coa aprobación da Lei 39/2015 “os concellos están obrigados a unha serie de cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías”. Neste senso, fixo saber que “se están a aprobar leis, como a 39/2015, que non incorporan recursos para a súa aplicación e, porén, son de obrigado cumprimento”, Esta situación, engadiu, está a provocar que os concellos teñan que retraer recursos doutros servizos para cumprir coa lexislación e evitar sancións por incumprimento, “algo que estamos a denunciar e así o fixemos xa na reunión que tivo lugar o pasado martes da Comisión de Deputacións da FEMP”.
Para loitar contra a devandita situación, a entidade provincial puxo en marcha iniciativas como o devandito proxecto provincial de Administración Electrónica, un dos servizos debullados na cita de onte cos alcaldes. Segundo fixeron saber Silva e Dios, trátase dun recurso de balde para as institucións locais, ao que se adheriron 54 concellos e 2 entidades menores. “A través deste proxecto”, indicou Carmela Silva, “xa formamos a 2.218 persoas que traballan na administración local e a 732 que ocupan cargos públicos; tamén se tramitaron preto de 200.000 expedientes de xeito electrónico, con medias mensuais de 12.000 novos expedientes electrónicos, 250.000 documentos asinados de xeito electrónico e 35.000 anotacións en rexistro”.
Xunto ao proxecto da eAdministración, a presidenta presentou tamén o Servizo de Padrón Municipal de Habitantes que arrancou este 15 de febreiro, precisamente, un servizo que “pretende solucionar os problemas existentes nos concellos na actualidade que veñen desde a heteroxeneidade das solucións implantadas para xestionar o padrón, até solucións desfasadas con mantementos incorrectos e que non se atopan integradas coa administración electrónica”, explicou Silva, engadindo que o investimento nesta iniciativa é de 500.000 euros, constituíndose unha ferramenta de balde para os concellos, que implantará a empresa Aytos, e que permitirá, dixo, “migrar os datos das aplicacións actuais de cada concello así como integralo na plataforma de eAdministración, facilitando a xestión de expedientes e a realización de trámites municipais, evitando colas e desprazamentos”.
O Servizo de Padrón, que se ofertará a través dunha nube privada, inclúe tamén formación en cada concello e mantemento correctivo e evolutivo, co obxectivo de “garantir a corrección de incidencias e a actualización e inclusión de novas funcionalidades”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer o Servizo de impresión de dixitalización para entidades locais que “permite regular as condicións e os prezos destes servizos para as entidades da provincia”. Esta solución será implantada por Canon. Nestes intres hai xa unha preto dunha vintena de administracións locais que solicitaron a súa adhesión ao proxecto.


PUBLICIDADE