O servizo de videointerpretación da Xunta contará con aplicación para iOS

mércores, 17 de abril do 2019 Redacción

O servizo de videointerpretación da Xunta contará este ano cunha aplicación para o sistema operativo iOS, medida incluída no acordo de colaboración asinado recentemente entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a AMTEGA e Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración Pública.
Esta medida súmase as melloras implementadas o ano pasado, coa creación da app para os dispositivos con sistema operativo Android e a extensión do servizo a todos os teléfonos de emerxencia da Xunta: o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065 de apoio á mobilidade persoal.
O sistema de videointerpretación está dispoñible desde o ano 20111 de forma presencial a través de terminais situados en distintas oficinas públicas e en liña, a través do portal corporativo, para o que se precisaba dun ordenador con webcam.
O obxectivo desta colaboración é avanzar a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre as persoas con dificultades auditivas ademais de garantir a igualdade de acceso de todos e todas aos servizos das administracións.

PUBLICIDADE