O sexto Chanfaina Lab encherá as redes de audiovisual galego

xoves, 12 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Anxo Santomil recreará dixitalmente o pasado do pazo da Marquesa

O Concello de San Sadurniño achegounos este setembro máis novidades sobre o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que está na súa sexta edición e que a fin de semana pasada culminou un intenso planning de gravacións. O resultado destas e outras xeiras creativas poderase ver en febreiro: unha manchea de contribucións que terán o nexo común de empregar as máis avanzadas técnicas de rexistro para reconstruír o pasado do concello e das súas xentes. “Os detalles saltarán á pantalla grande dentro de cinco meses nunha estrea tan agardada polo público como polas propias realizadoras e realizadores”, informa o Concello, engadindo que a partir de aí os audiovisuais irán subíndose ao YouTube “semana a semana” e, ademais, participando en festivais da nosa terra e de alén dela.
Entre os participantes na quedada creativa desta finde atopábanse algúns vellos coñecidos do Chanfaina Lab, como Abel Vega, Bieito Beceiro, The Sungirls, Pablo Martínez & Cía., As Youtubeiras da Horta, Fran da Lobeira ou Ana Lamas.
Tamén participaron o director noiés Luís Avilés (que chegou o venres a San Sadurniño coa areal de facer unha peza que reflectise a creativa mocidade de San Sadurniño), María Yáñez, Ana Moreiras ou Susana Diz.
A listaxe de nomes non remata aí, xa que cómpre engadir os de Brais e Iago Varela, Ton Fraga, Geray Arnosa, Óscar Torrente, Brianda García, Verónica Castrillón e Ricardo Noval -agrupados en Naraiomedia Estudos-, que se estrean no encontro audiovisual retomando o fío de O roubo da droja, curta filmada hai 25 anos en VHS por un grupo de rapaces de Naraío. A idea é achegar un desenlace a esta importante contribución audiovisual, e presentalo nas redes en febreiro.
Outro dos participantes foi Anxo Santomil, experto en fotografía, audiovisual e tratamento dixital da imaxe. Anxo, compostelán afincado no Carballiño, exhibirá unha peza innovadora en materia de formato e de contido: a reconstrución pormenorizada do Pazo da Marquesa empregando as máis avanzadas técnicas dixitais de posprodución en vídeo. En termos máis concretos, apostará polas linguaxes de animación combinando imaxes antigas do pazo con imaxes máis actuais.
Segundo engade o Concello, esta edición da Chanfaina Lab (a sexta) conta coa presenza activa (e creativa) de 41 chanfaineiros e chanfaineiras.

PUBLICIDADE