O sistema Cl@ve activa o rexistro mediante videochamada

martes, 8 de abril do 2025 Marcus Fernández

Moitos dos procedementos administrativos que podemos realizar telematicamente en España permiten a identificación mediante o sistema Cl@ve, no que podemos rexistrarnos mediante certificado dixital, presencialmente ou mediante unha carta ao noso domicilio, pero para quen aínda non conte con el vén de activarse unha nova opción de rexistro: a videochamada.
As aplicacións móbiles de Cl@ve para Android e para dispositivos móbiles de Apple indican como novidade precisamente a estrea da nova opción de rexistro mediante videoidentificación, de xeito que para verificar a nosa identidade simplemente teremos que participar nunha videochamada na que amosar o noso DNI físico, coa axilidade e comodidade de non ter que desprazarnos para completar o rexistro.