O sistema SIR, que permite o intercambio electrónico de documentos, xa está dispoñíbel en 79 concellos da Coruña

xoves, 9 de novembro do 2017 Redacción

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña

A Deputación de Coruña segue a subir novos chanzos en materia de interoperabilidade entre entidades e Administración Electrónica. Se recentemente falamos da súa plataforma turística integradora (unha plataforma para implicar a máxima participación dos concellos), hoxe a Deputación deu conta do estado de cousas relativo á implantación do sistema SIR, que permite aos concellos rexistrar documentos para calquera administración do Estado, posibilitando o intercambio dos mesmos de maneira electrónica. O sistema SIR, que foi adoptado hai aproximadamente un ano pola entidade coruñesa, xa abrangue a día de hoxe todas as entidades locais da provincia integradas na plataforma de Administración Electrónica da Deputación Provincial. Segundo informa a entidade que preside Valentín González, a Deputación da Coruña foi a primeira entidade local galega en adherirse a este sistema.
Polo que respecta ao proceso implantación nos concellos, xa cubriu os seguintes: Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, A Capela, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, Curtis, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Mazaricos, Melide, Mesía, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Muxía, Neda, Negreira, Ordes, Oroso, Outes, Paderne, Padrón, O Pino, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas, ademais do Consorcio das Mariñas e o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña.
Para reforzar o proceso de integración de SIR, a institución provincial creou un equipo de técnicos que asesora e apoia os concellos para superar as dificultades tecnolóxicas que implica a dixitalización dos trámites. Segundo informa a Deputación, a colaboración cos técnicos municipais deu como resultado que en menos dun ano se completase este “ambicioso proxecto”, logrando que “todas as entidades locais da provincia integradas na plataforma de Administración Electrónica xa estean completamente adheridas ao SIR”.
A Deputación tamén lembra que o devandito servizo ten como consecuencia que calquera cidadán poida presentar e enviar documentos a través da oficina de rexistro do seu concello ou da Deputación, dirixidos a calquera outra administración do Estado, tanto da administración central como da comunidade autónoma ou doutros concellos. “Outra das grandes vantaxes do SIR”, engade a entidade provincial, “é que, ao realizarse os intercambios de maneira electrónica, a recepción dos documentos prodúcese poucos minutos despois do seu envío, reducindo de maneira considerábel os prazos na tramitación”.
Até o de agora, a través do SIR na plataforma TEDeC, producíronse xa máis de 40.200 intercambios, cifra que se prevé vaia en aumento. A nivel estatal, desde 2012 intercambiáronse por SIR máis de 4.500.000 asentos rexistrais.

PUBLICIDADE