O sistema intelixente EMi chega ás oficinas de emprego de Ferrol e Vilalba
luns, 12 de xuño do 2023
Ferrol
e Vilalba acolleron este luns 12 de xuño a presentación das
vantaxes e melloras postas en xogo polas novas oficinas de emprego,
que, entre outras novidades, estrean un sistema de Intelixencia
Artificial (EMi) que permitirá mellorar os axustes entre as
ofertas e as demandas de traballo.
Na
presentación (celebrada nas oficinas Ferrol-Centro e Vilalba)
participaron a conselleira de Promoción de Emprego, María Jesús
Lorenzana, e a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia
Lado. Segundo fixeron saber, as novidades implantadas pola
Consellería nas dependencias do Servizo Público de Emprego de
Galicia tamén pretenden dar resposta ás necesidades de persoal
traballador do tecido produtivo, e ofrecer, a través dun novo
programa, unha atención personalizada aos colectivos con maiores
dificultades.
A
titular de Promoción do Emprego destacou as vantaxes da nova
ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente), baseada na
Intelixencia Artificial, que permitirá “axustar en tempo real as
demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas
demandantes rexistradas polo servizo público”. Esta solución, que
se está a implantar con carácter piloto en tres oficinas (Cambados,
Pontevedra e Ordes), estenderase ao resto de oficinas de emprego da
comunidade autónoma. “Trátase”, tal e como subliñou
Lorenzana, “de aproveitar as posibilidades que brindan a IA e a
analítica avanzada para favorecer a xeración de máis e mellor
emprego en Galicia”.
EMi,
engadiu, permitirá ás empresas publicar as súas vacantes de forma
múltiple e simultánea no Servizo de Emprego e, de xeito gratuíto,
noutros portais de emprego e, así, chegar a un maior número de
candidatos. O novo instrumento conta cun navegador competencial, para
que os orientadores podan obter información sobre as competencias
asociadas ás ocupacións; un emulador de ocupacións para buscar o
emprego idóneo para cada demandante de emprego; e un recomendador de
formación.
A
titular de Promoción do Emprego, doutro lado, incidiu en que o
Goberno autonómico está a fixar a atención nas persoas usuarias
destas oficinas que presentan maiores problemas para atopar traballo.
Así, sinalou que a Xunta está a implentar, para iso, o novo
programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para axudar e
apoiar de xeito máis personalizado a aquelas persoas inscritas no
Servizo Público de Emprego de Galicia que presentan dificultades
para atopar un traballo co obxectivo de integralas o antes posible no
mercado de traballo.
Para
levar a cabo esta iniciativa, a principios de ano incorporáronse ás
oficinas de emprego 136 novos profesionais (4 destinados en Ferrol e
un en Vilalba) que están a realizar tarefas de orientación e
prospección laboral.