O smartpad de Notion Ink sairá á venda en xuño

mércores, 30 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Que Notion Ink estea a prepara un smartpad cunha pantalla de 10,1 polgadas fabricada por Pixel Qi combinada con tecnoloxía nVIDIA Tegra foi unha agradable sorpresa, pois podería traer ao mercado por parte dunha compañía independente un produto que moitos están a agardar, e que podería chegar a competir cun Tablet fabricado por Apple (que podería chamarse finalmente iSlate) e segundo a publicación The Hindu, este novo dispositivo recibiría o nome de Adam, sería o primeiro trebello en incorporar as prometedoras pantallas de Pixel Qi e poríase á venda no mes de xuño por 15.000 rupias (223,63 euros).
Adam funcionaría co sistema operativo móbil Android, sería capaz de reproducir vídeo en alta definición, tería unha autonomía moi elevada e incluso podería competir cos lectores de e-books baseados en papel electrónico. Tamén contará con sensores de luz ambiental e de proximidade, acelerómetro, GPS, compás dixital, altofalantes, micrófono, cámara rotatoria de 3 Mpíxeles, unidade SSD interna de entre 16 e 32 Gb e lector de tarxetas SD, e poderemos botar un ollo ao produto durante o CES de Las Vegas, cando agardan amosar un prototipo bastante avanzado.

PUBLICIDADE