O smartphone Freedom 251 terá un prezo duns 3,30 euros

mércores, 17 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A que prezo pode chegar un smartphone para ser asumible dabondo para mercados emerxentes? Unha grande pregunta á que dende Ringing Bells teñen unha boa resposta: o smartphone Freedom 251, que no seu nome agocha o seu prezo, xa que pretenden comercializalo a 251 rupias (uns 3,30 euros). E pese a ese prezo absurdamente baixo, non estamos ante un produto que poderiamos considerar insufrible, xa que falamos dun teléfono de dobre SIM con pantalla IPS de 4 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), cámaras de 3,2 e 0,3 Mpíxeles e batería de 1.450 mAh, que funciona con Android 5.1 e inclúe aplicacións como Facebook, YouTube, Google Play e WhatsApp pre-instaladas (así como algunhas ferramentas destinadas a agricultores, pescadores, mulleres...).
Non é a primeira vez que Ringing Bells consegue lanzar un produto de prezo moi reducido, pois xa fabricou un smartphone 4G que vendía por 2.999 rupias (39,45 euros), e este novo dispositivo desenvolveuse en colaboración co goberno (aínda que desmentindo a compañía que o teléfono estea subvencionado) e poderá encargarse a partires de mañá e até o domingo en 650 centros repartidos pola India, entregándose todas as unidades antes do 30 de xuño.

JPEG - 95.4 KB
As especificacións do Freedom 251 parecen extraordinariamente boas para un smartphone tan económico

O Freedom 251 visto en vídeo

PUBLICIDADE