Probablemente o proxecto de máis sona en Kickstarter foi o smartwatch Pebble, que pode considerarse como o único produto desta categoría en conseguir unha boa aceptación comercial sen pertencer a unha grande compañía (de feito, posiblemente sexa o smartwatch máis vendido do mundo, con máis dun millón de unidades vendidas dos seus 2 modelos) e adiantándose ao lanzamento do Apple Watch volven á carga co novo Pebble Time, que supón toda unha revolución por integrar unha pantalla de papel electrónico a cor, o que permite que teñan ata 7 días de autonomía cunha única carga.

Actualmente é posible facerse cun Pebble Time a través de Kickstertar por 179 dólares (157,75 euros), o que é un prezo moi atractivo, xa que o modelo con pantalla monocromo custa actualmente 129 euros, e espérase que as primeiras unidades do reloxo poida chegar aos seus mecenas no mes de maio, podendo o usuario elixir entre 3 cores distintas de reloxo.

A principal vantaxe dos reloxos Pebble é que son multiplataforma, e o novo modelo será compatible con iOS 8 para terminais que partan do iPhone 4S e con Android 4.x ou superior, de xeito que non son poucos os que prefiren apostar por un produto deste tipo que casar cun dispositivo como o Apple Watch ou un reloxo con Android Wear, pola liberdade de non quedar atado a unha plataforma móbil en concreto. Amais, ao levar xa bastante tempo no mercado, a plataforma de software de Pebble está bastante madura, e co Pebble Time incluso promete grandes avances, de xeito que o produto resultará de utilidade dende o primeiro día, contando cunha nova interface para acceder a calendarios, alarmas e aplicacións que promete unha grande velocidade de uso á vez que aproveita a nova pantalla de cor para presentar unha aparencia renovada máis completa e atractiva.
En menos dun día a campaña de micromecenado do Pebble Time superou os 7 millóns de dólares, polo que non sería de sorprender que en poucos días pase a ser o primeiro proxecto en volume de cartos achegados a través de Kickstarter (actualmente xa está nunha máis que notable quinta posición).
Vídeo de presentación da nova campaña de Kickstarter

