O smartwatch de Alcatel prepara a súa chegada ao mercado

martes, 31 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Alcatel está a converterse nun fabricante de dispositivos con Android de bastante peso, e agora podería conseguir facerse un grande oco entre os wearables, xa que a súa entrada no mundo dos smartwatches será inminente, pois vén de abrir as reservas do seu Alcatel Onetouch Watch nos EE.UU. a un prezo moi atractivo (149,99 dólares), polo que sería un dos dispositivos deste tipo máis económicos do mercado que veña dun fabricante coñecido. Destaca o feito de que, en vez de apostar por Android Wear, estamos ante un accesorio multi-plataforma que pode comunicarse tanto con Android coma con iOS, o que tamén é un detalle moi importante para o éxito deste reloxo conectado.
O Alcatel Onetouch Watch chegaría ao mercado en cousa dun mes, e consiste nun reloxo de pulso con pantalla redonda de 1,22 polgadas cunha resolución de 204 x 204 píxeles que conéctase por Bluetooth 4.0 ao noso dispositivo móbil e que pode controlarse mediante toques nunha parte da pantalla ou cun botón lateral. Na súa correa agocha un conector USB 2.0 para facilitar a carga da súa batería (que promete durar entre 2 e 5 días), e integra prestacións bastante habituais neste tipo de dispositivos como monitor de ritmo cardíaco, xiroscopio, altímetro, NFC e protección IP67 (soporta auga e po). As principais funcionalidades deste accesorio sería o seu uso como monitor de actividade, recibir notificacións, controlar a reprodución multimedia, disparar a cámara do móbil ou axudar a localizar o noso teléfono.

O reloxo de pulso de Alcatel integra USB 2.0 na súa correa

PUBLICIDADE