O smartwatch para vacas da galega Innogando (Rumi) destaca na lista Forbes 30 under 30
mércores, 1 de xullo do 2026
Forbes España publicou recentemente a listaxe Forbes 30 under 30, unha escolma anual de líderes novos, e un proxecto galego destaca por encima do resto como a gran revolución do sector primario: Innogando. Así nolo contan os seus responsables, Pablo Lopez, Elio López, Daniel Pardo e Diego Valcarcel, un destacado equipo multidisciplinar de veterinarios e enxeñeiros con sede principal na provincia de Lugo.
Co seu proxecto (Innogando) foron quen de dar forma ao que xa se coñece como “o smartwatch para vacas”, o dispositivo Rumi. Na lista destácase que con Innogando o equipo de desenvolvedores e veterinarios irrompeu na elite empresarial española tras lograr o que moitos consideraban o reto definitivo: dixitalizar o campo a través da intelixencia artificial. Faise saber que o produto estrela da compañía (Rumi) converteuse no estándar de ouro da gandería tecnolóxica. Trátase dun smartwatch para vacas deseñado para monitorar en tempo real a saúde, a localización precisa e o comportamento do gando mediante sensores avanzados e intelixencia artificial conectada.
“O que empezou no rural galego é hoxe unha ferramenta fundamental para a sustentabilidade e a rendibilidade do sector agropecuario, resolvendo tres problemas críticos que perseguiron ao sector durante séculos: a seguridade, o control sanitario e a eficiencia operativa”, engádese.
Máis polo miúdo, Rumi é un sistema de localización GPS para gando vacún que fai seguimento en tempo real o estado de animal e achega información sobre o seu comportamento, un recurso que foi obxecto dunha importante ampliación ao permitir análises doutros parámetros como a preñez, o período de xestación e as datas de parto.
Unha das claves de Rumi é a posibilidade de recoñecer o comportamento dos animais en distintas situacións. Amais, é quen de situar as reses nun espazo determinado (dentro ou fóra da leira), reportando ao gandeiro cumprida información sobre a saúde das reses e do seu estado (tranquilidade, alerta...), ao tempo que apunta as posibles causas destas reaccións.
As utilidades que ofrece este sistema de monitoraxe a partir da información que achega sobre os animais son múltiples, xa que tamén constitúe unha ferramenta acaída para frear os ataques de lobo ao gando do monte.
