O son sen perdas a través de Bluetooth será realidade na segunda metade do ano

martes, 1 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Aparte de numerosas tecnoloxías orientadas á 5G, Qualcomm aproveitou a celebración do Mobile World Congress para dar conta do lanzamento do dúas novas plataformas de audio, a Qualcomm S5 Sound Platform (QCC517x) e a Qualcomm S3 Sound Platform (QCC307x), que ofrecerán unha das vantaxes máis agardadas nos últimos meses: a posibilidade de gozar de son sen perdas en calidade CD (16 bits a 44,1 kHz) a través de Bluetooth.
Pero estas novas plataformas non só facilitan calidade CD a través de Bluetooth, senón que tamén poden servir para transmitir son en alta resolución (24 bits a 96 kHz), ofrecen chamadas con moita maior calidades (32 kHz), prometen unha conexión máis robusta incluso en zonas moi saturadas, permiten que os creadores de contido poidan gravar en estéreo e tamén inclúen modo gaming cunha latencia de só 68 milisegundos. Outras funcións interesantes serían o modo dual (que permite compartir audio cun consumo reducido), conectividade multipunto (para facilitar a transición entre varios dispositivos Bluetooth) e soporte da tecnoloxía de cancelación de ruído activa adaptativa de Qualcomm.
Comezaremos a ver produtos que aproveiten estas novas plataformas de Qualcomm na segunda metade do ano.

PUBLICIDADE