O superordenador compacto para a IA de nVIDIA inicia a súa distribución

martes, 14 de outubro do 2025 Redacción

nVIDIA anunciou o inicio da distribución do nVIDIA DGX Spark, definido pola compañía como o superordenador de intelixencia artificial máis compacto existente, que xa se presentara no CES e na conferencia GTC, polo que había bastante expectación polo produto. O dispositivo chega como resposta á crecente demanda de rendemento por parte dos desenvolvedores de IA, cuxos equipos persoais e estacións de traballo comezan a quedar limitados en memoria e capacidade de software, obrigando a trasladar as cargas de traballo á nube ou a centros de datos.
O DGX Spark inaugura unha nova categoría de computadores ao ofrecer un petaflop de rendemento e 128 GB de memoria unificada nun formato de escritorio. Esta potencia permite executar modelos de ata 200 000 millóns de parámetros e axustar localmente modelos de ata 70 000 millóns, ademais de crear axentes de IA e desenvolver software avanzado sen depender de infraestrutura externa.
O sistema integra toda a plataforma nVIDIA AI, con GPU, CPU, rede, bibliotecas CUDA e o conxunto de software nVIDIA AI, nun equipo o suficientemente pequeno para un laboratorio ou oficina, pero con potencia abondo para impulsar o desenvolvemento de IA axencial e física. Inclúe o superchip Grace Blackwell GB10, conexión nVIDIA ConnectX-7 a 200 Gb/s e tecnoloxía nVIDIA NVLink-C2C, que multiplica por cinco a largura de banda de PCIe 5.0 e ofrece 128 GB de memoria coherente entre CPU e GPU.
O software de IA de nVIDIA vén preinstalado, permitindo comezar a traballar de inmediato con ferramentas, modelos e microservizos NIM. Entre os exemplos de uso que propón a compañía están a personalización dos modelos FLUX.1 de Black Forest Labs para mellorar a xeración de imaxes, a creación dun axente de busca e resumo visual baseado no modelo Cosmos Reason, ou a construción dun chatbot con Qwen3 optimizado para DGX Spark.
Para celebrar o lanzamento global, Huang entregou persoalmente unha das primeiras unidades a Elon Musk, en Starbase (Texas), evocando a entrega do primeiro DGX-1 a OpenAI en 2016. Outras entidades pioneiras, como Anaconda, Cadence, ComfyUI, Docker, Google, Hugging Face, JetBrains, LM Studio, Meta, Microsoft, Ollama e Roboflow, xa están a probar e optimizar o seu software para este novo equipo.
Tamén centros de investigación como o NYU Global AI Frontier Lab tiveron acceso anticipado. O profesor Kyunghyun Cho subliñou que «o DGX Spark permítenos acceder a computación a escala peta directamente no escritorio. Este novo xeito de realizar investigación e desenvolvemento en IA posibilita prototipar e experimentar rapidamente con algoritmos e modelos avanzados, mesmo en aplicacións sensibles á privacidade e á seguridade, como a sanidade».