O talento galego en creación de contidos colle impulso no XXII CeMAC de Celanova

luns, 6 de xullo do 2026 S. P.

A Fundación Carlos Casares organiza entre o 6 e o 10 de xullo a vixésimo segunda edición do Curso de Comunicación Audiovisual de Celanova (CeMAC), dentro da oferta formativa de Extensión Universitaria da UVigo a través da Cátedra Carlos Casares.
Trátase dunha actividade que se remonta ao ano 2004 e que dende aquela organízase cada verán na vila ourensá. Neste marcos ofrécese un punto de encontro con diversos profesionais do sector audiovisual para que analicen de forma o seu labor cara a cara e en faladoiros directos coas persoas que se matriculan ao curso, que poden ser tanto alumnado universitario como cidadanía interesada no sector.
Baixo o título Audiovisual galego. Diversidade creativa, para este ano o director do curso, Paulino Pérez Feijoo, da Facultade de Comunicación da UVigo, decidiu traer diversos perfís profesionais artísticos e técnicos das películas, series e curtas como Punto Nemo, Así chegou a noite, Leo&Lou, Bispos, Alucinema, Pura... Todas obras audiovisuais de produción recente.
Entre os perfís relacionados co sector, acudirán profesionais da interpretación (como Felipe Pizarán ou Raquel Meleiro), de produción (como Alba Gallego ou Rocío Casal), de guión e dirección (Carlos Solano), de distribución (Milo Baños), de comunicación (Julia Sánchez), etc. Tamén se contará para a clausura coa intervención de Álvaro Augustin, director xeral de Telecinco Cinema.
Ademais dos filmes, haberá espazo para unha clase maxistral sobre dirección de actores e actrices, impartida por Raquel Meleiro e Paulino Pérez Feijoo. E, como parte da colaboración co Concello de Celanova no esforzo de dotar de vida cultural a vila durante o CeMAC, desenvolveranse, ademais varias accións na vila, entre as que se inclúen a presentación do libro Viaje cinematográfico por Galicia. Una retrospectiva emocional (1896-1939) de Emilio Carlos García (nos xardíns do Hotel Acouga, o 6 de xullo ás 19.30 horas); a inauguración da exposición Carlos Casares e a fotografía o martes 7 de xullo ás 19.30 horas no claustro do Mosteiro de San Salvador; ou o concerto de Falling, grupo musical composto en parte por alumnado da UVigo, para amenizar a noite do xoves 9 de xullo.