O talento na era 4.0 centrou unha xornada en Santiago

martes, 25 de xuño do 2019 Redacción

O pasado 21 de xuño celebrouse en Santiago unha xornada de debate sobre as tecnoloxías intelixentes. A cita veu da man do Instituto Galego do Talento (IGATA) e contou coa presenza dalgunhas das nosas empresas máis representativas e referenciais en materia de transformación tecnolóxica.
A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe O Talento na era 4.0, buscou reunir talentos galegos “coas mesmas inquietudes”, segundo explicou ao comezo da xornada o responsable do proxecto IGATA, Ángel Fraga. O evento comezou cunha charla do responsábel de produto en Amazon España, Francisco Servia, quen realizou un percorrido polas tecnoloxías desde os inicios de Internet até a nosa convivencia (nun futuro que xa podemos tocar coas mans) coas máquinas. Segundo fixo saber Servia, “cómpre adaptarnos á época na que nos tocou vivir, existen máquinas que nos superan en diferentes áreas, pero é necesario cambiar o vello argumento de que aquí as cousas sempre se fixeron así, deixando de lado o noso egocentrismo, para que a convivencia sexa posíbel”.
A seguinte en tomar a palabra foi a responsábel de Mercadotecnia e Comunicación en Casa Grande de Xanceda, Jessica Rey, quen expuxo o seu punto de vista como profesional do tecido de PEME galego e aproveitou para facer unha proclama a prol de universalizar e estender as mellores condicións de comunicación e conexión a todas as zonas non urbanas (neste senso lembrou que empresas como a Casa Grande de Xanceda están a converterse en referentes empresariais dende o corazón do noso rural).
Logo da pausa celebrouse a mesa redonda Oportunidades e retos na xestión do talento, na que participaron o director financeiro de Cafés Candelas, Alejandro Álvarez; o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa de Abanca, Pablo Mateo; e a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García. Desta volta, foi o público o que tomou a palabra e expuxo aos participantes da mesa redonda as súas inquietudes en canto a formación e orzamentos nas empresas, a atracción de talento e a súa retención nas empresas galegas, as necesidades de potenciar as capacidades dos estudantes desde os colexios, a situación das PEME galegas, etc. Ao abeiro da mesa, a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, explicou as necesidades de formar equipos e facelos partícipes das decisións da compañía. En canto á atracción do talento, Pablo Mateo recoñeceu que “hoxe en día son as empresas as que teñen que venderse para que os candidatos queiran traballar nelas”. Pola súa banda, Alejandro Álvarez, mostrouse completamente de acordo co público cando este expuxo a necesidade de potenciar o talento desde que somos pequenos.

PUBLICIDADE