O tecido empresarial e hostaleiro de Ames estará xeolocalizado nunha guía

xoves, 7 de maio do 2026 S. P.

O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica e Emprego, presentou a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que busca conectar á veciñanza co comercio de proximidade e co tecido empresarial e que se presenta baixo o lema Tes que estar! O obxectivo do Concello é atraer a empresarios e usuarios e usuarias a unha aplicación web que funcionará como unha base de datos de todas as empresas que conforman o tecido comercial e hostaleiro de Ames.
A plataforma está na fase de probas, polo que durante o próximo mes, todas as empresas da municipio (do Milladoiro, Bertamiráns e do rural) que queiran participar deberán poñerse en contacto mediante o enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com ou no número de teléfono 626 98 71 72 en horario de 09.00 a 15.00 horas.
A día de hoxe a base dispón de arredor de 1.150 empresas rexistradas. Todas aquelas que non o estean, ou que si formen parte pero queiran actualizar algún dato de relevancia, poderán comunicalo ao equipo de desenvolvemento do aplicativo durante as vindeiras semanas.
Neste acto de presentación, estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; o técnico de Promoción Económica, Pablo Bello; e a deseñadora gráfica do proxecto, e responsable de mercadotecnia e publicidade, María Jesús Balseiro. Cada un deles, puido desenvolver o funcionamento do aplicativo e as implicacións positivas deste na economía de proximidade.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, comezou dicindo “en Ames témolo todo e queremos que todos os establecementos comerciais e hostaleiros e as empresas estean xeolocalizados nunha única aplicación. O obxectivo é que a veciñanza poida localizar aquel servizo que necesita dunha maneira áxil e sinxela. Xa realizamos un traballo de campo previo por Bertamiráns, O Milladoiro e polo rural para localizar as empresas existentes, pero agora abrimos un prazo dun mes para que as empresas poidan revisar os seus datos por se hai que modificar algún dato erróneo. Tamén solicitamos que aquelas empresas que non estean incluídas en dita aplicación, por estar situadas en pisos ou en casas particulares que non contan coa placas de identificación, se poñan en contacto con nós. Ademais, as empresas que comecen a súa actividade tamén deberán comunicalo para estar incluídas nesta aplicación”.
Pola súa parte, o técnico municipal de Promoción Económica, Pablo Bello, sinalou o interese polo desenvolvemento desta plataforma por parte do departamento, dende o cal levan tempo “querendo actualizar a base de datos de empresas. Era un traballo moi necesario para ter accesibilidade a calquera negocio que se queira dar de alta e estar facilmente localizable”.
Este proxecto nace co obxectivo de “conectar á veciñanza co comercio e hostalería local amesán e axudar a localizar os diferentes establecementos de todo o municipio”. A través dun traballo de campo, a Administración local recompilou información dun gran número de empresas locais, co fin de xeolocalizalas e ofrecer á veciñanza un servizo de accesibilidade ao comercio local.
Deste xeito, e mediante unha aplicación web de localización espacial baseada nas ferramentas ofrecidas por Google Maps, empresas e usuarios poderán beneficiarse do seu funcionamento. En primeiro lugar, e baixo o lema Tes que estar!, interpélase ás empresas do municipio que aínda non formen parte da base para que acheguen información relevante sobre o seu negocio durante este mes de proba.
Poderán facelo a través do enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com, o número de teléfono 626 98 71 72, ou ben mediante as chamadas que dende o equipo de desenvolvemento da aplicación se irán realizando durante as vindeiras semanas, co obxectivo de obter a máxima información sobre os comercios que conforman o tecido empresarial local.