O tecido empresarial galego incrementa o investimento en ciberseguridade

venres, 20 de xuño do 2025 Redacción

O tecido empresarial galego investiu en 2023 máis de 150 millóns de euros en ciberseguridade, o que representa un incremento superior ao 30 % respecto do ano anterior. As pemes e micropemes achegaron 36 millóns adicionais para reforzar a súa protección fronte á ciberdelincuencia.
En 2024, preto do 20 % das empresas galegas con dez ou máis empregados sufriron algún incidente relacionado coa ciberseguridade. A maior parte dos casos (78 %) están relacionados coa indispoñibilidade dos servizos TIC debido a fallos de software ou hardware, mentres que nun 19,6 % dos casos se tratou da perda de datos por ataques externos. Nas pequenas empresas, a porcentaxe de incidentes non chega ao 4 %.
Estes datos recóllense no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, edición 2024, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da AMTEGA.

Tecnoloxías disruptivas

O estudo tamén afonda no grao de adopción de tecnoloxías disruptivas nas empresas galegas. En 2024, un 13,1 % das compañías con dez ou máis traballadores fan uso da intelixencia artificial, superando en 3,5 puntos a media do conxunto do Estado. No caso das microempresas, a presenza desta tecnoloxía sitúase por baixo do 6 %, cun nivel moi semellante ao da media estatal.
O informe destaca ademais que máis do 30 % das grandes empresas utilizan servizos de cloud computing, principalmente para xestionar o correo electrónico, o almacenamento na nube, servidores de bases de datos e ferramentas de ofimática. Un 27 % tamén emprega sistemas de analítica de datos, centrados sobre todo en información sobre clientes (65,8 %) e rexistros de transaccións (85,3 %).

Talento dixital

Un 20,5 % das empresas galegas con dez ou máis empregados contan con persoal especializado en perfís tecnolóxicos, situando a Galicia cinco puntos por riba da media estatal (15,7 %). Os profesionais en análise de datos e ciberseguridade son os máis demandados.
Cómpre destacar que o 52,5 % das empresas con persoal TIC deste tipo teñen mulleres especialistas nos seus cadros. Nas microempresas, a porcentaxe de contratación feminina neste eido ascende ao 44,9 %, cun aumento relativo do 136,3 % respecto do ano anterior.

Comercio electrónico e presenza en liña

En 2024, as vendas mediante comercio electrónico mantéñense en niveis moi semellantes aos do ano pasado. A variación máis salientable prodúcese nas empresas de entre 0 e 9 traballadores, onde a porcentaxe con vendas en liña pasa do 11,8 % ao 12,5 %, o que supón un incremento do 5,9 %.
No tocante á presenza web, o 81,4 % das empresas galegas de dez ou máis empregados dispoñen de páxina propia, unha cifra moi próxima á media estatal (81,8 %). Entre as microempresas galegas, a porcentaxe medrou nun 24 %, pasando do 23,7 % ao 31,2 % nun só ano.