O tecido galego de I+D+i mostrará as súas capacidades en Transfiere 2025 da man de GAIN
venres, 28 de febreiro do 2025
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) promove a participación do ecosistema galego de I+I na décimo cuarta edición de Transfiere, o foro europeo de ciencia, tecnoloxía e innovación que se celebrará entre os días 12 e 14 de marzo en Málaga. Dende o stand institucional da axencia galega dependente da Consellería de Educación, máis dunha vintena de entidades do ecosistema galego de I+D+i explorarán neste evento novas alianzas e oportunidades para os seus proxectos e capacidades de transferencia de coñecemento.
Evento referencial
Transfiere 2025 é o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia. O seu obxectivo é “conectar todo o sistema español de innovación e impulsar a súa proxección internacional”. Os seus eixos temáticos son o talento, o desenvolvemento científico-tecnolóxico, o acceso a investimento e as oportunidades de negocio, coa finalidade última de xerar alianzas e sinerxías globais.
26 axentes galegos
Estarán presentes os seguintes representantes do tecido innovador, investigador e desenvolvedor da nosa terra: Axencia Galega de Innovación, Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS, CiTIUS, CiQUS, CRETUS), Universidade de Vigo (atlanTTic e CIM), Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Centro de Superomputación de Galicia (CESGA), Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA, representada en Transfiere por AIMEN, ANFACO, CETIM, CTAG e Gradiant), Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Digital Innovation Hub de Galicia (DIHGIGAL), Unirisco, Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA).
Novas oportunidades
GAIN impulsa a participación neste evento co obxectivo de “facilitar oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación feitas en Galicia”. A Axencia Galega de Innovación intervirá en tres sesións sobre o Plan Complementario de Transferencia e o seu impacto territorial (13 de marzo), como maximizar o financiamento público da I+D+I a través da cooperación territorial (13 de marzo), e o futuro da carreira profesional na transferencia de tecnoloxía (14 de marzo).
A participación neste foro enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que ten como obxectivo mellorar a transferencia dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo para valorizar o investimento en ciencia.