O teletraballo habitual sitúase no 9,4% no segundo trimestre de 2021

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

O observatorio ONTSI (dependente do órgano estatal tecnolóxico Red.es) vén de analizar a fondo os nosos hábitos laborais nestes tempos de post-pandemia, poñendo o foco no segundo trimestre de 2021 (un período de relaxación progresiva con respecto ao confinamento). Segundo se fai saber na investigación do observatorio, a relativa volta á normalidade reduciu de xeito significativo a porcentaxe de persoas que teletraballan de maneira habitual (máis da metade dos días traballados), pero aínda así segue a ser unha taxa significativa: do 9,4% no segundo trimestre de 2021 (1.849.600 persoas).
Amais, no estudo explícase que o confinamento estrito no segundo trimestre de 2020 multiplicouse por tres, pasando do 4,8% dos ocupados en 2019 (951.800 persoas) ao 16,2% no segundo trimestre de 2020 (3.015.200 persoas). Os grupos de persoas que máis desenvolven o seu labor profesional desde o domicilio particular son as de 35 a 44 anos (10,3%), seguidos das de 25 a 34 anos (9,9%). Respecto ao teletraballo ocasional, isto é, facelo menos da metade dos días que se traballa, a porcentaxe incrementouse durante a pandemia até estabilizarse neste período do estudo en torno ao 5,3% dos ocupados (1.051.400 persoas) desde un 2,9% (539.000 persoas) no segundo trimestre de 2020.
En canto á fenda de xénero mantense a tendencia detectada en anteriores medicións que indica que a adopción do teletraballo é superior entre as mulleres que entre os homes. No segundo trimestre de 2021 o 10% das mulleres víronse abocadas acotío a este formato laboral fronte ao 8,9% dos homes. Este patrón tamén se repite (aínda que de maneira máis moderada) no teletraballo ocasional (un 5,3% nas mulleres fronte ao 5,2%) nos homes.
A comunidade autónoma con maior proporción de persoas teletraballando acotío é, con diferenza, Madrid, co 18,7% o que duplica a media estatal. Séguelle Cataluña cun 11,1% e Asturias cun 8,7%. As comunidades nas que é menos habitual son Estremadura (4,3%), Navarra (5%) e Cantabria (5,3%).

PUBLICIDADE