O teletraballo permite que a Deputación da Coruña manteña plena actividade

mércores, 1 de abril do 2020 Marcus Fernández

Máis de 500 empregados e empregadas da Deputación da Coruña traballan desde as súas casas durante a crise da COVID-19 para manter en funcionamento os servizos que o goberno provincial definiu como esenciais, entre os que figuran os servizos sociais e de teleasistencia, o mantemento das estradas provinciais, atención cidadá, asistencia aos municipios, os servizos relacionados coas tecnoloxías da comunicación ou calquera actividade que implique o pago a provedores e contratistas.
Parte dos membros do Goberno, da corporación provincial e dos xefes de servizo seguen traballando tamén de forma presencial na sede da Deputación, que reforzou a atención telefónica á cidadanía e mantén abertos todos os trámites a través da sede electrónica.
Actualmente acceden en liña ás súas aplicacións informáticas os mesmos traballadores que o farían de forma presencial, nun día normal. Diariamente, 469 persoas conéctanse e tramitan co xestor de expedientes e outros 233 usuarios dispoñen de acceso remoto completo aos seus computadores a través das novas redes privadas virtuais despregadas nestes días, que permiten que non se vexa afectada a rede informática que a Deputación pon ao dispor dos concellos da provincia e que utilizan a diario máis de 1.000 usuarios.
Desde que se decretou o estado de alarma, o persoal dos servizos de Informática e Administración Electrónica fixo un amplo despregamento dunha plataforma xeral de teletraballo que non parou de crecer e que a día de hoxe xa dá soporte á práctica totalidade do persoal da Deputación, sen consumir os recursos reservados para os concellos da provincia.

Reunións por videoconferencia

Ademais, nestes días implantáronse novas ferramentas avanzadas que facilitan o traballo online en grupos e a distancia tanto dos responsables políticos como do funcionariado, mediante servizos de mensaxería instantánea (chats) e videollamadas.
A plataforma de teletraballo implantada permite, por exemplo, que o presidente da Deputación poida dirixirse de maneira directa a todo o persoal ou que poda conectarse por videoconferencia cos membros da corporación, cos xefes de servizo ou con calquera traballador ou traballadora da institución provincial.
Tamén é posible realizar as xuntas de portavoces ou reunións de forma telemática, desde as salas de videoconferencia das que dispón a Deputación ou desde os computadores persoais e dispositivos móbiles dos deputados.
Ademais, a Deputación envía cada día ao todo os seus persoal boletíns informativos sobre a evolución local, galega e nacional da COVID-19, así como noticias e consellos preventivos.

Xestión de expedientes

Algúns dos principais indicadores amosan que o funcionamento da Deputación é similar á habitual. Dende a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, aprobáronse 1.120 resolucións, houbo 4.432 entradas por rexistro e aprobáronse 633 pagos a empresas e provedores.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o «intenso traballo» realizado polo persoal da área de Informática e Administración Electrónica permitiu á Deputación adaptarse en tempo récord ao teletraballo para seguir prestando os seus servizos aos concellos e a cidadanía.

PUBLICIDADE