O televisor transparente de LG xa é unha realidade comercial

xoves, 19 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Nas feiras tecnolóxicas levamos un tempo vendo como os grandes fabricantes de televisores presumen das súas pantallas transparentes, pero agora LG dá un paso decisivo ao ousar a colocar este tipo de pantallas nun televisor comercial. Falamos do LG Signature OLED T de 77 polgadas, que presume de ser o primeiro televisor transparente do mundo con pantalla OLED 4K sen fíos, que este mesmo mes chega aos EE.UU. a un prezo de 59.999 dólares, chegando o resto do mundo nos vindeiros meses.
O televisor pode alternar entre o modo de transparencia e o modo opacidade con só premer un botón, resultando abraiante o modo no que o fondo da pantalla se converte en transparente, dando a impresión de que os contidos están a flotar no aire, conseguindo unha integración no contorno moi orixinal e hipnótica.
A pantalla tamén pode funcionar nun modo sempre acendida, na que a súa parte inferior compórtase como unha barra de contidos na que ver información dos nosos dispositivos domóticos, da predición meteorolóxica, de resultados deportivos ou mesmo da música que estamos a escoitar, mentres o resto da pantalla parece invisible.
Para contribuír a esta sensación de integración no espazo, o novo televisor de LG tamén conta con tecnoloxía de transmisión sen fíos de audio e vídeo, de xeito que o televisor está libre dunha chea de cables na súa parte traseira, pois estas conexións realizaríanse nunha Zero Connect Box, accesorio que emitiría os sinais ao televisor sen fíos e sen perda. Amais, o televisor soporta imaxes en 4K até a 120 Hz, de xeito que sería apto incluso para gozar de videoxogos.
Queda por ver se este tipo de tecnoloxía chegará a reducir o seu prezo para converterse nunha realidade nos fogares de xeito masivo, ou limitarase a unha simple anécdota nun mercado de luxo. Do que si non parece haber dúbidas é de que as pantallas OLED transparentes si terán unha aplicación clara en espazos públicos (especialmente en tendas).