O título da UVigo en Ciberseguridade Industrial arrinca con todas as prazas cubertas

mércores, 12 de xaneiro do 2022 S. P.

A Universidade de Vigo vén de informar de que o título propio en Ciberseguridade Industrial, único no territorio galego, arrincou con todas as prazas cubertas. Os estudos comezarán a impartir esta semana. A boa acollida tida polo título foi cualificada de “éxito” polo profesor Ignacio Armesto, coordinador do mesmo, xunto co tamén docente Miguel Díaz-Cacho, ambos do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática.
Estes estudos, explican, nacen para tender pontes entre o perfil formativo industrial e o das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nun contexto de dixitalización das plantas industriais. Trátase, como explican os seus impulsores, de “dar resposta ás necesidades do mercado laboral, que demanda para a Industria 4.0 profesionais cun maior nivel de cualificación tecnolóxica”, sendo o eido da ciberseguridade na contorna industrial un dos nichos laborais de futuro que requiren dunha formación específica que ata agora non existe na nosa terra, engaden.
O curso, que se impartirá de maneira totalmente virtual a través de Campus Remoto ata o mes de setembro, busca actualizar os coñecementos dos profesionais do eido industrial e tamén formar novos especialistas. Ou sexa, expertas e expertos que fagan fronte ás ameazas que se cernen sobre un tecido industrial cada vez máis conectado, ante as cales precísanse profesionais que poidan xestionar ao xeito situacións de risco e adoptar as medidas de protección acaídas para evitar ciberataques, perdas na propiedade industrial das compañías ou mesmo a paralización da produción.
A formación será eminentemente práctica e técnica, empregando ferramentas e tecnoloxías de fabricantes como Siemens, Fortinet, Microsoft ou Nozomi Networks, entre outras. Ademais, o título conta co apoio e participación de multinacionais do sector, polo que a docencia será impartida por profesorado das escolas de Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e tamén por profesionais de Siemens, Muutech, Microsoft, Inprosec, Gadisa, Accenture, Nueva Pescanova ou Tecdesoft Automation.
A valoración que o profesor José Ignacio Armesto fai da acollida desta primeira edición é “moi boa”, xa que dende que se aprobou esta nova titulación no mes de outubro “solicitaron información sobre o mesmo máis de 130 persoas” e arranca coas 30 prazas cubertas.

PUBLICIDADE