O traballo fin de mestrado de Roberto Carracedo Varela, premiado polo CPEIG

mércores, 7 de xuño do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fixo público o gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado, dotado con mil euros. O galardón será este ano para Roberto Carracedo Varela, (A Laracha, 1972), estudante da UDC, polo seu traballo LogShock: sistema de monitorización e control da suspensión axustable dun vehículo. O traballo fin de mestrado, segundo informa o CPEIG, consistiu no desenvolvemento dunha tecnoloxía que permite a obtención de información obxectiva sobre o comportamento das suspensións dun vehículo en marcha. Este sistema marca as diferenzas porque permite a configuración das suspensións axustábeis do vehículo a partir de datos obxectivos e non subxectivos, como vén sendo costume. O desenvolvemento do proxecto e dos prototipos inclúen recursos de hardware e de software libre.
A orixe do traballo realizado por Carracedo está na constatación de que no mercado automobilístico existen numerosos sistemas de suspensión axustábel para adaptar a vehículos, xa sexa co fin de permitir un comportamento máis preciso nunha contorna determinada (por exemplo en competicións deportivas) ou simplemente para mellorar sistemas que inicialmente non teñen a calidade desexada. “A dificultade que presentan eses sistemas cara ao usuario final”, advirte o propio Carracedo, “é, que se non se axustan de maneira correcta por persoal experimentado, poden presentar unha elevada complexidade, especialmente canto maior é o conxunto de parámetros que poden ser modificados”. Ao cabo, engade, o profesional ten que basearse na percepción subxectiva do comportamento da suspensión e non en datos obxectivos e precisos medidos desde o dispositivo de amortecemento. O traballo galardoado centrouse precisamente no desenvolvemento dun sistema que permite obter información obxectiva sobre o comportamento das suspensións dun vehículo en marcha.
O Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado que concede anualmente o CPEIG (e que se entrega, tamén, na Noite da Enxeñaría en Informática) busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación de balde e o gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de mil euros.

PUBLICIDADE