O tradutor de mensaxes instantáneas DROTR inclúe o galego nas súas linguas

venres, 26 de maio do 2017 Redacción

A compañía suíza TIW (Technology Improves the World) vén de crear unha plataforma de tradución que incluíu o galego entre os 104 idiomas incorporados na súa ampla base de datos. DROTR, tradutor de mensaxes instantáneas para sistemas Android e iOS, é unha aplicación gratuíta especialmente deseñada para dar servizo a persoas sen coñecementos das linguas das persoas coas que queren comunicarse. DROTR é o primeiro produto tecnolóxico que agroma da equipa formada por Eugen von Rubinberg, director executivo, e Alexander Konovalov, innovador técnico e delegado do consello de administración. Amais do galego, tamén se incluíron o portugués, o castelán e o catalán.
Como dixemos, o servizo é quen de traducir 104 idiomas en tempo real, e todo apunta a que se irá incrementando a listaxe en datas vindeiras. Permite, arestora, levar a bo porto conferencias de vídeo en 44 linguas diferentes. DROTR, a maiores, traduce chats, video chamadas e chamadas en tempo real do idioma do remitente ao idioma do destinatario. O creador da plataforma é o especialista en deseño IT Aleksander Konovalov. Desde 2013 leva traballando, xunto co seu equipo de desenvolvemento, nunha tecnoloxía que permitise a tradución simultánea e que fornecese a persoas de diferentes países do mundo a posibilidade de falar e comunicarse na súa lingua materna. Segundo apuntan dende TIW, “non existía até o de agora no mercado tecnoloxía algunha comparábel a DROTR en termos de calidade”. A partir deste mes de maio a versión completa de DROTR para Android e iOS está dispoñíbel de maneira gratuíta para toda a comunidade de usuarios.

PUBLICIDADE