O tráiler de Spider-Man: No Way Home supera os 718 millóns de reproducións en 24 horas
venres, 20 de marzo do 2026
O primeiro tráiler de Spider-Man: Brand New Day, a nova produción de Sony e Marvel Studios, converteuse no máis visto da historia do cine tras acadar 718,6 millóns de reproducións globais nas súas primeiras 24 horas. A cifra sitúa o adianto do filme moi por riba de calquera outro lanzamento audiovisual rexistrado ata o momento, consolidando a expectación arredor da nova entrega do superheroe da Marvel.
O avance superou en apenas oito horas o rexistro que ata agora mantiña Deadpool & Wolverine, que acadara 373 millóns de visualizacións no seu primeiro día. Ademais, tamén deixou atrás o impacto do tráiler de Grand Theft Auto VI, que fora presentado como o maior lanzamento audiovisual de 2025 con 475 millóns de reproducións en 24 horas.
A comparación con anteriores entregas da propia saga tamén evidencia o salto de interese. O tráiler de Spider-Man: No Way Home, filme que acabaría recadando 1.900 millóns de dólares a nivel mundial en 2021, quedara en 355,5 millóns de reproducións no seu primeiro día, practicamente a metade da nova marca.
A película, con estrea prevista para o 31 de xullo, abre unha nova etapa na historia de Peter Parker. A trama sitúase catro anos despois dos acontecementos de No Way Home, cun protagonista que vive en solitario tras borrar voluntariamente a súa identidade da memoria das persoas que o rodean. Nunha Nova York que xa non o recoñece, Spider-Man dedícase por completo á loita contra o crime, mais a crecente presión provoca unha evolución física inesperada que ameaza a súa propia existencia, ao tempo que emerxe unha nova ameaza de grande magnitude.
Tráiler en español do novo filme
