O último xogo de Puzzle Bobble chegará a consolas PlayStation

venres, 4 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Finalmente o xogo Puzzle Bobble VR: Vacation Odyssey, que introducía aos dragóns Bub e Bob na realidade virtual, non vai limitar o seu percorrido aos cascos Oculus Quest, e contará con versión para PlayStation VR, aínda que desta volta quixeron aproveitar a ocasión para que o xogo estivese dispoñible para un público máis amplo, polo que transformarase en Puzzle Bobble 3D: Vacation Odyssey, ou sexa, que tamén poderá xogarse en PlayStation 4 e PlayStation 5 sen contar con PlayStation VR.
O xogo en 3D conserva as mesmas mecánicas que a súa versión de VR, ou sexa, que realmente temos as mesmas mecánicas que o Puzzle Bobble orixinal, no que hai que lanzar bólas de cores a outras bólas que desaparecen cando se pegan dende 3 bólas da mesma cor, só que estes elementos ocupan un espazo tridimensional, o que fai que en vez de orientarse á velocidade do xogo orixinal está pensado para partidas máis reflexivas, nas que visualizar ben o espazo é importante para superar os distintos retos que se van propoñendo para superar as distintas fases do xogo que ten previsto chegar ás consolas de Sony a finais do presente ano.

Vídeo promocional da Puzzle Bobble 3D: Vacation Odyssey

PUBLICIDADE