O uso da IA leva ao medio Cnet a perder a súa credibilidade

martes, 5 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Tras denunciarse as súas malas prácticas, Cnet comezou a atribuír os seus artigos feitos con IA a un usuario específico

O que fora un dos grandes medios de referencia sobre información tecnolóxica a nivel global, Cnet, está a vivir unha crise de reputación da que dificilmente poderá recuperarse, xa que tras denunciarse que publicaba artigos escritos por mediante unha intelixencia artificial xenerativa (sen especificalo) e desvelarse que empregaba malas prácticas como empregar a IA para reescribir as introducións aos seus artigos cada dúas semanas para mellorar o seu posicionamento en Google, abriuse un debate na Wikipedia sobre a fiabilidade do medio, que concluíu determinando que a información publicada en Cnet non é de fiar, polo que non pode empregarse como fonte na Wikipedia.
Os contidos creados pola IA en Cnet estaba cheos de erros e de plaxios, e non se acreditou o mecanismo polo que se crearon, atribuíndose a un autor xenérico chamado CNET Money, até que se formou un escándalo ao respecto noutros medios de comunicación.
Dado que o propio medio xa fora denunciado por moitas outras malas prácticas tras os seus sucesivos cambios de propietarios, que simplemente buscaban a explotación do medio de xeito publicitario, sen cumprir coas mínimas normas éticas, non sorprende que a credibilidade de Cnet desaparecese por completo, sumándose á cada vez máis grande colección de medios do pasado que na actualidade só vexetan na Rede para aproveitar a súa marca.

A credibilidade de Cnet para a Wikipedia foi caendo até chegar a considerarse inadmisible como fonte de confianza

PUBLICIDADE