O uso dos servizos de Facebook dispárase por mor do COVID-19

martes, 24 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Evolución do tempo en chamadas en grupo en Italia

Aínda que os servizos de vídeo son os que xeran á meirande parte do tráfico na Internet, as redes sociais tamén provocan un importante número de conexión e de importante consumo de recursos, e dende Facebook quixeron salientar os esforzos que estaban a realizar para poder manter operativas as súas plataformas que tan prácticas resultan para manter a comunicación entre as persoas en tempos de distanciamento social por mor do COVID-19.
Para que nos fagamos unha idea do estrés ao que están sometidas as infraestruturas de Facebook no seu conxunto indican que no último mes o uso da mensaxería incrementouse na meirande parte dos países afectados polo coronavirus en máis do 50%; canto maior é o impacto do virus nun territorio tamén é maior o uso que se realiza dos servizos de voz e vídeo (aseguran que nos territorios máis afectados as chamadas de voz e vídeo dobraron o seu número tanto a través de Messenger como de WhatsApp); e se imos a Italia (o que pode servir de anticipo do caso español) temos que o tempo nas aplicacións de Facebook incrementouse un 70%, o uso de directos de Instagram e Facebook dobrouse, a mensaxería incrementouse un 50% e as chamadas en grupo incrementaron o seu tempo de uso máis dun 1.000%.
Cómpre salientar que este incremento do uso da mensaxería non supón ningún beneficio para Facebook, xa que eses servizos carecen de mecanismos de monetización, o que coincide tamén cunha importante caída da publicidade nos países azoutados con máis forza polo COVID-19, de xeito que os sistemas de Facebook están a reforzarse como se faría en Fin de Ano ou durante os Xogos Olímpicos, pero durante un tempo máis prolongado e sen unha prestación económica, o que podemos ver como un acto de responsabilidade social corporativa, xa que son conscientes que facilitar as comunicacións dende o fogar fai máis doado superar estes días de confinamento.

PUBLICIDADE