O videoxogo War of Sides representará a nosa terra na final de Talentum Startups de Telefónica

martes, 4 de novembro do 2014 Redacción

Saúl Molinero presentou War of Side no acto de peche de Talentum Startups Galicia

A Telefónica sedúcelle a innovación e a creatividade galega TIC. Se había algunha dúbida ao respecto, hai temos Galicia Open Future (aceleradora na que están a participar xa medio cento de proxectos nosos) para certificalo. A marxe de incerteza aínda se estreita máis co éxito acadado polo proxecto galego War of Sides, que vén de ser seleccionado para competir na final nacional de Talentum Startups de Telefónica. Este videoxogo, creado polos vigueses Saúl Molinero e Abdón Rodríguez, foi seleccionado para representar a Galicia no último chanzo, o decisivo, de dito certame, unha cita que terá lugar a principios do vindeiro ano no Espazo Fundación Telefónica, en Madrid, e no que competirá xunto a outras 10 iniciativas procedentes de toda España.

O xogo consiste en derrotar distintos monstros presentados mediante realidade aumentada para así conquistar os territorios que ocupan

Segundo apuntan fontes da operadora, entre os principais factores que influíron na elección de War of Sides figuran o nivel de maduración do proxecto e a súa innovación tecnolóxica, “amais das súas perspectivas de negocio”. O xurado seleccionou o xogo galego como a mellor das catro propostas desta edición, malia o alto nivel de todos os traballos presentados (keylessHome, Thunder Breaker e Trendon.me).
Ambientado na época medieval, War of Sides mergulla ao xogador nun mundo fantástico no que conviven realidade e ficción, e no que terá que loitar contra seres e criaturas imaxinarias para conquistar os máximos territorios posibles. “A súa principal novidade”, engade a operadora, “é que cingue nunha mesma plataforma tecnoloxías de realidade aumentada, xeolocalización, xiroscopios e acelerómetros, con outras propias dos xogos en liña, máis acceso a datos na nube”. Isto permite ao xogador ter como escenario de xogo a cidade onde se atopa e interactuar con ela, explica Telefónica. Lembrar que o proxecto desenvolveuse e colleu corpo definitivo ao longo de medio ano na sede da Fundación Barrié na Coruña, abeirado ao programa Talentum Starups de Telefónica. Arestora atópase en fase bate privada, sendo posíbel probalo de balde a través da súa páxina web.

Imaxe dos finalistas de Talentum Startups Galicia

PUBLICIDADE