O videoxogo do Escuadrón Suicida non chegará até primavera de 2023

mércores, 23 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Aínda que cando se anunciou o xogo Suicide Squad: Kill The Justice League para PS5, Xbox Series X|S e PC dende Rocksteady Studios aseguraban que este ousado título vería a luz en 2022, non se fixara unha data concreta de lanzamento nin chegamos a ver adiantos sobre o estado deste desenvolvemento dos responsables dos grandes xogos de Batman Arkham, polo que era previsible o que por fin confirmou Sefton Hill, fundador do estudio, sobre quen caeu a responsabilidade de anunciar que Suicide Squad: Kill The Justice League non sairá á venda até primavera de 2023.
Dende Rocksteady non deron explicacións sobre os motivos do adiamento do xogo, pero parece razoable pensar que tanto os problemas relativos á pandemia como as grandes dimensións do proxecto provocaron que non puidesen cumprir as previsións tan optimistas que realizaron inicialmente, e o único que queda por desexar é que consigan producir un título da calidade que se espera dos seus responsables, para que poidan dar pé a unha nova serie de xogos baseados en personaxes do Universo DC.

PUBLICIDADE