O videoxogo español mantén o seu pulo, pero reivindica axudas para consolidarse

luns, 6 de xullo do 2026 Redacción

A industria española do desenvolvemento de videoxogos pechou 2024 cun novo máximo histórico tanto en facturación como en emprego segundo reflicte o Libro Branco do Desenvolvemento Español de Videoxogos 2025, elaborado pola Asociación Española de Empresas Produtoras e Desenvolvedoras de Videoxogos e Software de Entretemento (DEV), entidade que representa a preto dun cento de empresas desenvolvedoras de videoxogos, tanto españolas como internacionais con sede en España. O documento publicado sostén que o sector acadou uns ingresos de 1.464 millóns de euros, un 2,7 % máis ca no exercicio anterior, e deu emprego directo a 10.508 persoas, o que representa un incremento do 2,4 %.
O informe, presentado na sede do ICEX, confirma tamén o avance da presenza feminina na industria, que xa representa o 27 % do emprego directo, un punto porcentual máis ca en 2023.
As previsións de DEV apuntan a que a tendencia positiva continuará durante os vindeiros anos. De manterse o ritmo actual, a industria podería superar os 1.650 millóns de euros de facturación e achegarse aos 14.000 empregos directos en 2028.
A pesar destes resultados, a asociación advirte de que o sector segue arrastrando os efectos da crise posterior á pandemia e considera imprescindible reforzar o apoio institucional para consolidar o seu desenvolvemento. Entre as principais demandas figuran a creación dun incentivo fiscal específico para a produción de videoxogos, o mantemento e ampliación das axudas públicas, o impulso ao investimento privado e ao publishing nacional, así como medidas para favorecer a formación, a captación de talento e a adopción responsable da intelixencia artificial.
O ecosistema español conta actualmente con 820 estudios activos, dos que 500 están constituídos como empresas ou outras formas xurídicas e outros 320 corresponden a proxectos en desenvolvemento. Cataluña mantense como o principal polo da industria, concentrando o 54 % da facturación, o 51 % do emprego e o 31 % dos estudios. A continuación sitúanse a Comunidade de Madrid (25 % dos estudios), Andalucía (11,5 %) e a Comunidade Valenciana (11 %). Galicia tería o 3,2 % dos estudios en territorio español (un 0,1 % máis que na edición anterior do libro branco).
O informe tamén revela unha progresiva madurez do tecido empresarial. Por primeira vez, as empresas con máis de dez anos de actividade constitúen o grupo máis numeroso, representando o 37 % do sector. Con todo, persiste unha forte concentración da facturación: o 56 % das empresas ingresan menos de 200.000 euros anuais, mentres que apenas o 1 % supera os 50 millóns de euros e concentra o 55 % dos ingresos totais.
A internacionalización continúa sendo un dos piares do sector. O 52 % da facturación procede do estranxeiro, con Norteamérica como principal mercado de destino (24 %), seguida do resto de Europa (19 %). As restantes rexións representan conxuntamente o 9 % das vendas internacionais.
O PC segue sendo a plataforma predominante para os videoxogos desenvolvidos en España, presente no 92 % dos lanzamentos. Os dispositivos móbiles ocupan a segunda posición, cun 48 % de títulos publicados en Android e un 42 % en iOS. Ademais, os modelos de distribución dixital xa representan aproximadamente a metade da facturación do sector.
A intelixencia artificial xerativa tamén gaña presenza nos estudios españois. O 53 % asegura empregar estas ferramentas na súa actividade diaria e outro 11 % manifesta interese en incorporalas. Entre as empresas consultadas, un 43 % aínda non dispón dunha política específica sobre o seu uso, fronte a un 4 % que a establece como obrigatoria e un 16 % que optou por prohibila.
Os indicadores sobre o impacto da crise melloran respecto ao ano anterior. O 53 % dos estudios afirma que xa non se ve afectado pola situación do mercado, fronte ao 44 % rexistrado na anterior edición do informe. Con todo, o 52 % considera que a súa viabilidade podería verse comprometida se as condicións actuais se prolongan durante outro ano, aínda que esta porcentaxe descende lixeiramente respecto ao 57 % de 2024.
Durante a presentación do informe, representantes da industria coincidiron en reclamar políticas públicas que permitan ás empresas españolas gañar dimensión e competir en igualdade de condicións cos principais mercados europeos. O presidente de DEV, Mauricio García, insistiu na necesidade de implantar «axudas directas e deducións para a produción de videoxogos», mentres que diversos profesionais do sector defenderon os incentivos fiscais como unha ferramenta clave para fortalecer os estudios independentes e facilitar o seu crecemento.