Avy: Fábulas da Noite é o xogo con máis candidaturas nos Premios iokool PlayStation Talents

xoves, 30 de novembro do 2023 S. P.

O equipo de Games Pond: Alicia Puentes, Mónica García, Sergio García e Juan García

Games Pond, estudio ferrolán de videoxogos independentes, vai rematar o ano cun importante recoñecemento ao seu labor: o seu videoxogo Avy: Fábulas da Noite resultou ter máis candidaturas nos Premios Iokool PlayStation Talents. O proxecto coróase como o máis distinguido desta fase previa á resolución do certame, aparecendo en 4 das 9 categorías: Mellor Historia Orixinal, Mellor Arte, Mellor Xogo para a Prensa e Mención Especial ao Compromiso PlayStation.
O estudio ferrolán está composto por Alicia Puentes, Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García.
Estes premios, organizados por PlayStation España, condecoran os mellores proxectos creados por estudios independentes de todo o territorio nacional.
Durante a gala (programada para o 12 de decembro), desvelaranse os candidatos ao Mellor Xogo do Ano, categoría na que o estudio ferrolán Games Pond espera competir. Obter ese premio supoñería un total de 10.000 euros para seguir traballando no seu videoxogo, así como kits de desenvolvemento e un asesoramento profesional en diversas áreas, explica o equipo de Games Pond, engadindo que “agora mesmo temos avanzado un nivel e medio do xogo. Estamos buscando financiamento para continuar traballando nel, polo que esperamos que estas candidaturas nos axuden a conseguilo”, destaca a ferrolá Alicia Puentes, unha das artistas encargadas dos gráficos de Avy: Fábulas da Noite. De momento, Avy atópase, como dixemos, seleccionada nas categorías de Mellor Historia Orixinal, Mellor Arte, Mellor Xogo para a Prensa e Mención especial ao Compromiso Play Station.
O equipo, formado por ex-alumnos e ex-alumnas do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Universidade da Coruña, xa foi galardoado no Indie Dev Day de Barcelona, especializado en videoxogos creados por estudios independentes e tamén en feiras e eventos do panorama gamer galego como Lérez Up e Videoxogando.

Avy: Fábulas da noite

Avy: Fábulas da noite é un videoxogo de aventuras no que Avy, a nena protagonista, viaxa por unha illa onírica habitada por xoguetes. Un aparente xogo inocente pero que a medida que avanza asoma unha escura trama: os doces personaxes do inicio converteranse nos medos da nena e Avy terá que loitar contra eles en batallas dialécticas para poder volver a casa. O videoxogo tamén combina elementos dos xogos de plataforma 3D e de crebacabezas e xa pódese engadir á nosa lista de desexos en Steam.

Tráiler do xogo