O vindeiro Foro Ineo centrarase na satisfacción do cliente TIC

luns, 4 de abril do 2011 Raquel Noya

Javier Regueira Serrano na edición de 2007 da TechBusiness Week

Coa máxima de Se non volven non están satisfeitos, a vindeira edición do Foro Ineo, que terá lugar o próximo día 5 de abril en Vigo, achegaralle ás persoas asistentes as claves para mellorar a calidade da atención e soporte proporcionados aos seus clientes, a través da xestión dos seus servizos apoiándose nas novas tecnoloxías.
O acto contará coa presenza estelar de Javier Regueira, director da consultora especializada Lambda CT, quen abordará a importancia de valorar oportunamente a atención ao cliente e o soporte de servizos TIC, “como parte importante deses mesmos servizos”.
Regueira tamén explicará cómo repercute a calidade da atención e o soporte prestados ao cliente na calidade percibida polos mesmos dos servizos de tecnoloxías da información.
A participación neste Foro ten un custe de 25 euros por persoa, porén as empresas asociadas a AJE Vigo, AJE A Coruña ou a INEO poderán asistir de balde. Para participar, é preciso reservar praza a través de correo electrónico.
Este Foro forma parte dun amplo abano de actividades que a asociación galega desenvolverá ao longo deste ano. Entre elas, destaca a organización de relatorios para abordar aspectos relacionados coa innovación e as novas tecnoloxías, xornadas de networking empresarial, workshops, almorzos de carácter informal… dos que daremos conta puntualmente en Código Cero.

PUBLICIDADE