O vindeiro luns presentarase en Compostela a nova edición de ViaGalicia

venres, 22 de setembro do 2017 Redacción

ViaGalicia, a aceleradora promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, presenta o luns, 25 de setembro, a súa quinta edición na Axencia Galega de Innovación ás 12:30 horas, evento no que explicaranse os obxectivos e as distintas fases do programa de aceleración de ViaGalicia. Ademais, expoñeranse algúns casos de éxito de proxectos acelerados en anteriores edicións e responderanse ás posibles dúbidas dos asistentes.
Esta nova edición, cuxo prazo de inscrición finaliza o vindeiro 29 de setembro, conta cun orzamento de 2,65 millóns de euros para apoiar proxectos de negocio a través dun completo programa de aceleración de 18 meses, dedicados a formación, asesoramento, mentoring, coworking e financiamento.
A inscrición de iniciativas innovadoras, para as que os emprendedores poderán obter ata 125.000 euros en axudas directas e de capital risco, pode realizarse a través da páxina web da iniciativa. Como novidade da quinta edición, impulsaranse dous proxectos de edicións anteriores, que participarán directamente na nova fase de aceleración.

Un programa en seis fases

Tras finalizar a fase inicial de inscricións, levará a cabo unha primeira selección de oitenta proxectos que participarán no Startup Day, xornada na que se avaliarán as habilidades dos emprendedores e do que sairán seleccionados corenta. Estes recibirán seis semanas de pre-aceleración nas sedes de ViaGalicia (situadas en Vigo e Lugo, segundo o seu lugar de inscrición) durante a fase de Academia, na que se lles achegarán as ferramentas necesarias para adquirir competencias que lles axuden a definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor.
Na seguinte fase, Demo Day, deberán defender a súa proposta fronte ao Comité Técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras. Este comité seleccionará os quince mellores proxectos que pasarán á fase de Aceleración.
A Aceleración desenvolverase durante seis meses no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán), co apoio dun experto equipo de titores e mentores. Todo un traballo conxunto ata que, coas mellores garantías de éxito, os proxectos alcancen as métricas necesarias para presentarse a futuras roldas de investimento. Na última fase, Investors Day, os emprendedores defenderán o seu proxecto fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento para captar novos socios.

PUBLICIDADE