O vindeiro xogo de CliffyB sairá para PC e PS4

luns, 22 de maio do 2017 Marcus Fernández

Durante moitos anos Cliff Bleszinski foi a cara visible da franquía de videoxogos Gears of War, e aínda que Guerrilla Games traballaba estreitamente con Microsoft, a fortuna quixo que o seu novo estudio, Boss Key Productions, apuntase xusto na dirección oposta, de xeito que o seu vindeiro grande xogo, LawBreakers, vaia estar dispoñible unicamente para PC e PlayStation 4, deixando fóra á Xbox One.
Esta nova produción naceu dunha idea tola de Bleszinski, quen decidiu deixar o seu retiro para iniciar este proxecto ambientado nun mundo futurista no que a Lúa estourou misteriosamente durante un suceso coñecido como A Fractura, tras o que a sociedade recuperouse facendo uso de novas anomalías gravitatorias para reconstruír e avanzar. Desta premisa sae un shooter vertixinoso en primeira persoa omnidireccional e por equipos, no que os combates teñen lugar no aire, contando con numerosos personaxes, distintas habilidades, armas, combos e moitos máis.
LawBreakers leva desenvolvéndose como un xogo Free-2-Play para PC, pero segundo foi avanzando e atendendo á resposta da comunidade entenderon que tiñan que dar un xiro de temón e non só decidiron fuxir de micropagamentos e pases de tempada (fixando o seu prezo en 29,99 dólares), senón que tamén decidiron que tamén tería versión para PlayStation 4.
Aínda non adiantaron cando estaría dispoñible o xogo, pero o que si está aberto é o proceso de inscrición para participar na súa beta para PC e PS4.

Vídeo promocional de LawBreakers

PUBLICIDADE