O visor de PlayStation VR2 por fin pode usarse en PC

mércores, 7 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Resulta innegable que a realidade virtual en consolas PlayStation está a ser un rotundo fracaso, con pouco apoio por parte dos desenvolvedores e da propia Sony, de xeito que apenas hai xogos que tiren proveito das PlayStation VR2 para PlayStation 5, facendo que a súa compra resulte imposible de amortizar, o que a partir de hoxe pretende solucionar un adaptador para PC, que sae á venda por 59,99 euros.
O adaptador de PlayStation VR2 permite gozar dos xogos de realidade virtual da plataforma Steam, para o que simplemente hai que ter instalada a aplicación SteamVR e a aplicación específica de PlayStation VR2 en Steam.
Cómpre salientar que para correr xogos de realidade virtual en PC é preciso contar cun equipo de certa potencia, non só cun procesador que como mínimo sexa un Intel Core i5-7600 ou un Ryzen 3 3100 con 8 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX1650 ou superior (sendo recomendable contar como mínimo cunha nVIDIA RTX 3060 ou cunha AMD Radeon RX 6600XT). O adaptador ocupa un porto USB e tamén precisa dun porto de saída DisplayPort estándar ou mini, así como conectividade Bluetooth 4.0 ou superior.

Vídeo promocional do novo adaptador