O viveiro da Cámara de Santiago, o mellor de España segundo FUNCAS

luns, 5 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, palestra e acubillo dun relevante número de iniciativas tecnolóxicas, vén de ser recoñecido como o mellor do España segundo os datos recentes da clasificación global da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS). A incubadora, emprazada no Polígono de Costa Vella de Compostela, acolle na actualidade 42 empresas, vinte das cales son empresas virtuais.
Segundo informa a Cámara, a devandita clasificación forma parte do informe titulado Os servizos que prestan os viveiros de empresas en España, ranking 2018-2019, traballo asinado por cinco investigadores que se estende ao longo de 78 páxinas.
FUNCAS sinala na investigación que o viveiro da Cámara de Comercio de Santiago posúe unha “calidade superior nos seus servizos”, segundo a categoría Avanzados do ranking global. Ademais, no estudo explícase que a incubadora de Santiago está “orientada fundamentalmente ao sector servizos, pero pode servir tamén como oficina de xestión de proxectos relacionados con outros sectores”.
Como dixemos, o viveiro compostelán incuba a día de hoxe 42 empresas, cunha taxa de ocupación aproximada do 80%. Desde a súa creación en 2006, pasaron polo viveiro un total de 177 empresas, das cales, 135 continuaron a súa actividade empresarial con éxito fóra del, polo que finalmente a taxa de supervivencia empresarial sitúase nun 76%.
A dirección da Cámara manifestou hoxe a súa satisfacción polo recoñecemento: “O estudo de FUNCAS salienta que somos un viveiro exemplar na incubación de proxectos empresariais. Fomos os mellores de España en 2015 e agora repetimos, amais de ter sido distinguidos como os mellores de Galicia en 2016. A nosa vocación no fomento do emprendemento e a súa cultura é incuestionábel. Os resultados aí están e, por iso, todos os nosos profesionais merecen igualmente ser felicitados”.
Para quen non o saiba, a incubadora do Polígono de Costa Vella creouse en 2006 para “impulsar a creación, medre e afianzamento de empresarios individuais e empresas”. Con financiamento achegado integramente por recursos propios da Cámara de Comercio de Santiago, o viveiro conta unicamente con apoio técnico da Administración local.
A incubadora, amais, forma parte activa da Rede INCYDE, que é a maior rede de viveiros empresariais de Europa. Este tecido conta actualmente con 177 viveiros de empresas en funcionamento.

PUBLICIDADE