O volume de exportacións do hiperserctor TIC galego supera os 120 millóns de euros

luns, 10 de xuño do 2024 Redacción

O Hipersector TIC galego, integrado polo sector TIC e o sector de contidos, realizou exportacións en 2022 por valor de máis de 120 millóns de euros, 12 millóns de euros máis que o ano anterior e o valor máis elevado desde 2017. Ademais, o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC que creceu un 1,4% no último ano e supera así, por primeira vez, a barreira dos dous mil millóns de euros.
Así se recolle no estudo “Galicia dixital. O Hipesector TiC en Galicia”, que recolle datos de 2022 e 2023 e que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O estudo sinala que o Hipersector TIC pechou o ano 2023 con 28.556 traballadores, o que supón un incremento do 4,7% respecto ao ano anterior. O aumento máis elevado do emprego rexistrouse no sector tecnolóxico, que conta actualmente con 22.932 traballadores, aumentando nun 5,2% no último ano. O sector contidos crece un 2,9% e acada os 5.624 traballadores.
No 2023, a porcentaxe de mulleres empregadas no Hipersector TIC foi do 33,4%, un 6,1% máis que o ano anterior. Por terceiro ano consecutivo, crece máis o emprego feminino ca o masculino.
O número de empresas do Hipersector TIC mantén o ritmo de crecemento e en 2023 acadou as 4.170, das cales que o 75,3% pertencen ao sector TIC e o 24,7% ao de contidos. O crecemento no número de empresas no Hipersector é sostido nos últimos anos, acumulando un aumento dun 13,8% dende o 2018.
No período 2020-2022 o Hipersector TIC, investiu preto de 165 millóns de euros en innovación, 46 millóns de euros máis que o período anterior e supón o 20% do total do gasto en innovación das empresas de Galicia.
Respecto ao tipo de actividade innovadora, o 45,8% das medianas e grandes empresas do Hipersector TIC sinala ter realizado, principalmente innovacións de produto (84,5%) e tecnolóxicas de procesos (88,7%).